Avanza a humanización da Ronda da Muralla
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas e persoal técnico da área de Mobilidade visitaron a Ronda da Muralla, no treito entre as rúas Santiago e Vilalba, que vén de reabrir ao tráfico hoxe. Rubén Arroxo explicou que “damos un paso máis nesta humanización, recuperando xa a normalidade, nunha rúa que pasará a ter maior fluidez na circulación de vehículos e xa está a permitir quea veciñanza de Lugo conte cun novo espazo de paseo a carón da Muralla”.
Coa nova ordenación do tráfico rodado, o tráfico que circule pola Ronda terá prioridade sobre o chegado da rúa Santiago, que pasarán a ter un Ceda o Paso. “Isto xunto coa reordenación das rúas Cidade de Viveiro e Pascual Veiga permite crear itinerarios máis rápidos para chegar desde este cruce ata Ramón Ferreiro en coche”, explicou Rubén Arroxo.
Arroxo, que destacou a importancia desta actuación para mellorar a protección da Muralla, reducindo as vibracións producidas polos vehículos a motor "cumprindo coas recomendacións do ICOMOS para garantir o mantemento da Muralla". Segundo o Tenente Alcalde, "este é un dos piares máis importantes do traballo da área de Mobilidade e Infraestruturas desde a nosa chegada ao goberno".