Avanza a permuta de parcelas no barrio do Castiñeiro, en Lugo

LugoXa
Pola súa banda, tanto o proxecto de Dona Urraca como o de Casa Torre atópanse en distintas fases de tramitación administrativa
reunion_xuntae_igvs
Reunión de Alvarellos con representantes do IGVS e a Xunta de Galicia
28 Maio 2024

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, mantivo na Casa Consistorial un encontro con representantes do IGVS e a Xunta de Galicia co obxectivo de avanzar na materialización dos proxectos da Casa Torre, Dona Urraca e a permuta de parcelas no Castiñeiro. Durante a xuntanza, que se desenvolveu nun ambiente de máxima colaboración, os responsables dos tres organismos acordaron traballar de forma dilixente e desde a máxima discreción para alcanzar os obxectivos marcados.

“Tratouse dunha reunión de traballo técnico-política que resultou moi produtiva. De feito conseguimos avanzar en iniciativas moi importantes para a nosa cidade como son o convenio de Dona Urraca, a rehabilitación de Casa Torre e a permuta de parcelas no Castiñeiro”, asegurou a rexedora. Como sostén dende que asumiu o cargo, “estamos a traballar en todo aquilo que repercuta de forma positiva sobre a nosa cidade e sobre o conxunto da veciñanza e esta reunión é unha clara mostra diso”, sinalou.

Alvarellos avanzou que en relación á permuta de parcelas no barrio do Castiñeiro, a Administración local vén de propoñer aos responsables autonómicos unha serie de terreos de titularidade municipal para que poidan ser avaliadas pola Xunta co obxectivo de concretar un acordo canto antes. Pola súa banda, tanto o proxecto de Dona Urraca como o de Casa Torre atópanse en distintas fases de tramitación administrativa, polo que o Concello, o IGVS e a Xunta trazaron unha folla de ruta conxunta para avanzar de forma simultánea nestas dúas iniciativas.

“Trátase de tres proxectos crave para Lugo que teñen que ver con aspectos estratéxicos do noso proxecto de cidade como son a rexeneración da Tinería e a permuta acordada no seu día para as parcelas do Castiñeiro coa que se evitou a concentración de vivenda de protección evitando así a saturación deste barrio da zona norte en atención as demandas veciñais”, concluíu Alvarellos Fondo.

0.18324708938599