Avanza o plan de renovación da rede de alumeado público de Lugo

LugoXa
A Tenencia de Alcaldía iniciará novas intervencións dentro do plan de renovación da rede de alumeado público municipal, que se leva executando desde o ano 2019
renovación-da-rede-de-alumeado-público-lugo
10 Xul 2024

A Tenencia de Alcaldía iniciará novas intervencións dentro do plan de renovación da rede de alumeado público municipal, que se leva executando desde o ano 2019 e que permitiu "mellorar enormemente a calidade do noso alumeado, reducindo os custos relacionados co consumo eléctrico e co mantemento da infraestrutura, aparte de dar unha mellor calidade lumínica ás distintas zonas onde se intervén", sinala o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas.

Nas vindeiras semanas actuarase nas rúas Mariña Española, Ortega e Gasset, Galicia, Doutor Fleming, na praza da Liberdade, e na Avenida de Breogán, renovando un total de 92 luminarias e diferentes elementos das instalacións eléctricas, como son as caixas de conexión ou os condutores. En total substituiranse 92 luminarias de vapor de sodio de entre 150 e 400W por Leds de entre 75 e 200W, o que suporá un aforro de 55.461kWh no consumo eléctrico que supón a rede de alumeado público de Lugo.

Ademais, coa substitución de diferentes elementos na instalación eléctrica, reducirase tamén o número de avarías e reducirase o risco de salto do diferencial. Ademais da mellora en canto a consumo, o novo alumeado mellorará os niveis de iluminación da zona, mellorando a uniformidade lumínica e unificando a temperatura da cor de todas as luminarias, o que reducirá as zonas escuras das rúas.

Penas explicou que dende a chegada ao Goberno de Lugo "traballamos continuamente na reducción do gasto público ao tempo que a veciñanza de Lugo pode desfrutar dun alumeado eficiente". No ano 2023, a Tenencia de Alcaldía actuou en 82 rúas nas que se actualizaron as luminarias, instalando máis de 1291 puntos de luz LED. Os criterios utilizados son a recuperación das luminarias existentes adaptándoas ás novas tecnoloxías, reducir os residuos xerados e os custos de implantación e a renovación do resto de elementos que conforman a rede de alumeado, como caixas, conductores ou fusibles facendo así que diminúan as avarías e as molestias á veciñanza.

0.17334604263306