Avanza o Plan Paradai co inicio das obras en Serra de Meira

LugoXa
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron as actas de ocupación
sinatura-concello-chms
Sinatura
30 Maio 2024

A finais do mes de xuño comezará as obras coas que atallarán as crecidas no Rato na rúa Serra de Meira. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron as actas de ocupación. Isto supón a xuízo de ambos “impulsar o Plan Paradai e dar un gran paso no que suporá o desenvolvemento urbanístico da zona, ademais de aportar unha solución para reducir o risco de inundacións deste río nas inmediacións da glorieta”.

Paula Alvarellos valorou “moi positivamente a colaboración de ambas institucións para, por unha banda, contribuír ao crecemento urbanístico de Paradai, avanzando na evolución dunha cidade sostible e ben comunicada, e por outra, evitar coas obras que haxa crecidas no Rato en prol da consecución do que é un obxectivo estratéxico para o Goberno local”. Pola súa banda, o presidente da CHMS sinalou que “a sinatura do contrato coa empresa que executará os traballos, Taboada e Ramos, está prevista para a vindeira semana, coa idea de comezar as obras o máis rápido posible, seguramente a inicios do verán”.

Estes labores enmárcanse no convenio de colaboración entre a CHMS e o Concello de Lugo, cun investimento que supera o medio millón de euros e que será sufragado nun 75 por cento pola Organismo da Cunca e no 25 por cento restante pola administración municipal.

Obras e superficies

As expropiacións afectan a cinco terreos, cunha superficie total de 1.335,99 metros cadrados, dos que 329’88 se afectarán de forma permanente mentres que os 867’61 metros cadrados restantes se ocuparán de xeito temporal para a realización das obras coas que se atallará o risco de inundación do Rato.

A intervención consistirá na limpeza, adecuación e ampliación do leito nunha anchura duns dous metros, co obxectivo de incrementar a súa capacidade de desaugadoiro nun tramo de 165 metros, augas arriba do emboque do soterramento do río Rato, ao seu paso pola glorieta da rúa Serra Meira.

Tal e como explicou no seu día a CHMS, entre outras actuacións, está prevista a demolición do muro actualmente existente na marxe dereita do río, desmontando previamente a cantería que o recubre, que será reutilizada para a execución dun novo tramo de muro desprazado dous metros con respecto á posición do actual.

0.18943691253662