Avanzan a bo ritmo as obras para mellorar a rúa Garaballa de Arriba

LugoXa
A obra tamén contempla a construción dunha nova beirarrúa no lado norte da avenida, que continuará a beirarrúa existente na Avenida Paulo Fabio Máximo
obras-en-Garaballa-de-Arriba-Lugo
16 Nov 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron as obras que se están a realizar na rúa Garaballa de Arriba, concretamente na súa intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo.

Estas actuacións forman parte dun proxecto de mellora da infraestrutura viaria que ten como obxectivo optimizar o acceso e as condicións de seguridade na zona.

O orzamento base de licitación do proxecto ascende a 71.760,53 euros, e as principais actuacións inclúen o asfaltado das zonas con pavimento en mal estado.

En total, explicou Penas, “asfaltaranse aproximadamente 290 metros asegurando un selado duradeiro fronte á acción das augas pluviais, e onde sexa posible, ampliarase a superficie asfaltada para crear unha franxa de arcén destinada ao uso peonil”.

A obra tamén contempla a construción dunha nova beirarrúa no lado norte da avenida, que continuará a beirarrúa existente na Avenida Paulo Fabio Máximo. Segundo o edil de Infraestruturas, “esta decisión foi tomada debido á súa maior facilidade construtiva en comparación co lado sur, onde sería necesario demoler parte da calzada ou excavar en fincas privadas”.

O proxecto tamén inclúe traballos de drenaxe, como a instalación de sumidoiros e tubos para canalizar as augas pluviais, que desembocarán no pozo situado preto da intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo.

En canto á sinalización, realizaranse varias melloras para facilitar a mobilidade peonil e aumentar a seguridade viaria. Entre as actuacións destacan a instauración de circulación en sentido único no tramo da rúa Garaballa de Arriba desde a intersección coa Avenida Paulo Fabio Máximo, a limitación da velocidade a 30 km/h, e a sinalización de novos pasos de peóns.

Alexandre Penas destacou que “con estas melloras buscamos, non só optimizar as infraestruturas viarias, senón tamén garantir a seguridade e a accesibilidade para os peóns na zona da rúa Garaballa de Arriba, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas e fomentar unha mobilidade segura e sostible.”

0.18284916877747