As obras que conectan os paseos fluviais do Rato e do Miño en Lugo "avanzan a bo ritmo"

LugoXa
O proxecto completa o gran cinto verde da cidade e reforza a súa aposta por un urbanismo sostible e conectado coa natureza
obras-unión-Rato-e-Miño-Lugo
17 Nov 2025

As obras que permitirán unir os paseos fluviais do Rato e do Miño, completando o gran cinto verde de Lugo, entran xa na súa recta final. O proxecto, resultado do convenio de colaboración entre o Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), suporá un antes e un despois na integración do río na vida cotiá da cidade. O alcalde, Miguel Fernández, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, supervisaron o avance dos traballos, que van a bo ritmo.

As obras, que están a piques de concluír, abranguen a preparación e acondicionamento de máis de 20.000 metros cadrados, coa eliminación da vexetación en mal estado, nivelación da plataforma e construción dun sendeiro de dous metros de ancho con pavimento estable e seguro.

Ademais, instálanse bordes de granito, sistemas de drenaxe, bancos de granito, papeleiras metálicas e 17 luminarias LED. O proxecto inclúe tamén integración ecolóxica mediante plantación de especies autóctonas —como carballos, freixos, abeleiras e bidueiros—, sementeira de céspede e instalación de casetas-refuxio para esquíos.

O alcalde destacou o carácter estratéxico e simbólico desta actuación, describíndoa como “unha obra crucial para Lugo, porque non é só unha nova senda verde con máis de dúas hectáreas de natureza acondicionada para o seu aproveitamento: é un xeito de entender o modelo de cidade ao que aspiramos”. Fernández subliñou que a conexión dos paseos do Rato e do Miño permitirá circunvalar todo o espazo fluvial urbano, creando unha ampla área de esparcemento aos pés da cidade que fomenta o deporte, o sendeirismo, as actividades ao aire libre e un contacto directo coa natureza.

O rexedor tamén destacou que Lugo é a única capital de provincia de España que é á vez Reserva da Biosfera, e que proxectos como este demostran a aposta por un urbanismo que convive co patrimonio natural, mellorando a calidade de vida actual e construíndo un futuro sostible.

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, resaltou o valor da cooperación institucional que fixo posible a intervención. “A unión dos paseos do Miño e do Rato é un exemplo de como o traballo conxunto permite transformar o territorio e poñelo ao servizo da cidadanía”, afirmou, e precisou que só queda instalar o mobiliario e as luminarias e sementar a gramínea cando a climatoloxía o permita.

Coa finalización destas obras, Lugo consolidará a continuidade dos seus paseos fluviais e reforzará o seu modelo de cidade sostible, conectada co seu entorno e pensada para mellorar o benestar da veciñanza, ampliando as posibilidades de uso do espazo natural urbano e fortalecendo a relación histórica da cidade co río.

⚙ Configurar cookies
0.44916296005249