Avanzan a construción do Museo de Antonio Fraguas na Fonsagrada

LugoXa
Avanzan as obras para a construción do Museo de Antonio Fraguas, “Forges”, co que A Fonsagrada recoñece e homenaxea a este artista gráfico tan vencellado á localidade.
Museo-de-Antonio-Fraguas
7 Xuño 2024

Avanzan as obras para a construción do Museo de Antonio Fraguas, “Forges”, co que A Fonsagrada recoñece e homenaxea a este artista gráfico tan vencellado á localidade. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, supervisou os traballos e celebrou xunto ao alcalde, Carlos López,  o bo ritmo das obras financiadas cunha axuda de 170.000 euros do programa PIREP local, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A subdelegada afirmou que o proxecto suporá un revulsivo económico, social e cultural tanto para o concello como para toda a comarca, sendo o primeiro centro cultural dedicado en exclusiva ao debuxante. “A súa personalidade imprimirase neste futuro centro museístico, fonte de dinamización para toda a veciñanza e para persoas interesadas na súa figura”.

O edificio albergará non só o centro cultural de Forges con viñetas, debuxos, fotografías, libros e diferente material, senón tamén a nova Oficina de Turismo, un salón de actos e diferentes espazos para usos municipais. A subdelegada e o alcalde comprobaron o estado das actuacións en presencia do arquitecto municipal e o xefe de obra, que tras os traballos de consolidación e reforzo da estrutura do edificio, continuarán coa dotación de illamento térmico.

A intervención máis importante realizarase na parte traseira do edificio, onde se recuperará o patio histórico, cun sistema activo de control ambiental mediante a implantación dun patio-invernadoiro que permita a regulación da entrada de luz e a ventilación. Isabel Rodríguez felicitou ao alcalde “por presentar este proxecto e conseguir os fondos precisos para facelo realidade, reflectindo a admiración e recoñecemento dos fonsagradinos a Forges”.

Pola súa banda, destacou “o compromiso do Goberno coa revitalización dos concellos do rural, apostando por destinar recursos e servizos e facer fronte tamén ao reto demográfico”. Do mesmo xeito, sinalou a importancia “de rehabilitar edificios como este, que albergaba o concello antigo, e darlles unha segunda vida”, remarcando tamén a parte emocional do proxecto, “pois a grandeza dun pobo tamén reside no recoñecemento que devolve ás figuras destacadas de seu”.

0.18511295318604