Avanzan as adxudicacións das casetas e caldeiros do polbo para o San Froilán

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, informou hoxe sobre os avances no procedemento de adxudicación das casetas e caldeiros do polbo do San Froilán.
A Mesa de Contratación reuniuse esta mañá para avaliar as cinco ofertas presentadas e avanzou que as casetas estarán abertas entre o 26 de setembro e o 2 de novembro.
A caseta e o caldeiro número 1 recibiron dúas ofertas, presentadas por Aurora do Carballiño, valoradas en 18.000 e 12.000 euros, e por José Pazo Baranda, con 12.000 e 7.500 euros.
A caseta número 2 tivo propostas de Xuncos S.A., por 10.707 e 6.740 euros, e da Polbería Nadela, por 9.001 e 5.701 euros. A caseta número 3 contou cunha única oferta da empresa Octopus Galician Chef, por 9.118,97 e 6.018,83 euros.
A Mesa de Contratación elevará agora unha proposta á Xunta de Goberno para adxudicar cada caseta e caldeiro á oferta de maior valor, agás que algún adxudicatario renuncie.
Segundo o prego aprobado pola Comisión de Festas, a ración de polbo de 250 gramos custará 15 euros, a de 200 gramos de pan ou cachelos 1,50 euros, e a botella de 3/4 de litro de viño 6 euros.