Avanzan as obras da rúa Pousadela, que conecta a trama urbana co río Miño

LugoXa
Lara Méndez supervisa a mellora da rúa Pousadela, obra coa que o Concello avanza na conectividade da trama urbana co río Miño
RENOVACION RUA POUSADELA
6 Xul 2023

A Alcaldesa, acompañada de Paula Alvarellos, supervisou a actuación, que incrementa a comodidade e a seguridade dos accesos entre A Cheda e a Nacional VI.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Urbanismo, Paula Alvarellos, supervisou o acondicionamento e mellora da rúa Pousadela, cos que o executivo municipal avanza na conectividade da trama urbana e o Centro Histórico coa contorna fluvial. Así, a vía comunica a Rolda do Carme co barrio da Cheda e, á súa vez, coa Avenida dos Deportes onde se construíu recentemente a pasarela peonil Tanxurela.

A rexedora lembrou que “esta actuación permítenos completar o percorrido deseñado para mellorar a conectividade dende a trama urbana da cidade ata o río Miño en pé o en bicicleta, evitando o tráfico rodado, integrándoo na actividade diaria das e dos lucenses que xa contemplan este espazo como un escenario preferente para a práctica deportiva e o seu esparexemento”.

O principal obxectivo destas obras foi dotar a vía dos elementos necesarios que posibilitarán o seu mellor aproveitamento e utilización, incluíndo a renovación en LED dos puntos de luz e a creación doutros novos, en clave de seguridade e perspectiva de xénero. En total, a superficie renovada concéntrase nos últimos 282 metros, é dicir, na metade sur da rúa Pousadela que, ata o de agora, se atopaba en pavimento terrizo, típico de camiños rurais.

Deste xeito, procedeuse á pavimentación deste treito que se delimitou en tres seccións, segundo os traballos previstos. Por unha banda, dende o entroncamento coa Avenida dos Deportes e ata a intersección con Río Eume executouse un novo firme de formigón para regularizar o terreo. A maiores, no cruzamento de Pousadela con Río Masma tamén se aplicou firme de formigón para adaptala, tratando de que a superficie concorde o máximo posible en todo o ámbito. E, finalmente, o tramo de conexión da vía que une Río Eume e Río Landro e que xa estaba dotado con rega asfáltica foi renovado debido ao deterioro que presentaba.

Por outra banda, debido a que entre Río Eume e Río Landro se interrompe a conexión peonil, o Concello adecuou este espazo cunha roza profunda e o perfilado dos noiros, evitando que a escorrentía poida afectar ás edificacións ao tempo que se cubriu cunha capa de canto rodado a franxa máis próxima ás vivendas para permitir a circulación de transeúntes. Tamén se contemplou a creación dunha zona peonil diferenciada que dará servizo na zona de maior concentración residencial.

Por último, nos doce metros anteriores á intersección entre a rúa Pousadela e a Avenida dos Deportes levouse a cabo a instalación dunha fila de separadores, fixados á cimentación soterrada, cos que se pretende dotar de maior protección ás e aos usuarios da vía e evitar o tránsito involuntario por un predio privado que non está adaptado a tal uso. Igualmente, deuse continuidade á rede de iluminación pública renovando a xa existente con LEDs de baixo consumo e instalando 6 novos puntos de luz que, alén de redundar no aforro enerxético, reducirán a sensación de inseguridade.

Esta actuación enmárcase na Estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polo FEDER. O investimento total foi de 118.236 euros.

0.18961000442505