Avanzan as obras na rúa Frai Plácido Rei Lemos cunha pasarela accesible
Avanzan as obras na rúa Frai Plácido Rei Lemos, que permiten recuperar o sentido do tráfico habitual, rematando coas restricións á circulación das últimas semanas nas rúas Pascual Veiga e Cidade de Viveiro.
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que "estamos un paso máis preto de ter este muro completamente rematado e de ter unha comunicación totalmente accesible entre Recatelo e o Parque de Rosalía".
Os traballos de reconstrución do muro, iniciados no mes de xullo, crearán unha conexión do barrio de Recatelo co Parque sen barreiras arquitectónicas, avanzando nunha cidade máis accesible para todas e todos.
A reconstrución busca mellorar a integración paisaxística do muro, eliminando a barreira arquitectónica que supoñía a solución anterior deste muro, e avanzando no respecto polo entorno, ao tratarse dunha zona con amplo valor patrimonial pola influencia do Parque de Rosalía.
A finais de 2022, o Goberno de Lugo procedeu a apuntalar despois de que os servizos técnicos do Concello de Lugo revisaran o desgaste da infraestrutura durante máis de 15 anos, e comezouse a elaboración dun proxecto de renovación integral deste muro. "Decidiuse que era o momento de actuar antes de que o deterioro do muro continuase", lembrou Rubén Arroxo, que engadiu "coa reconstrución integral desta estrutura aplicamos un gran número de melloras con respecto ao estado anterior desta zona".