Avanzan na implantación da carreira profesional municipal cunha xuntanza coas organizacións sindicais

A concelleira responsable da Área de Xestión Integral de Recursos Internos, Ana González Abelleira, reuniuse cos representantes sindicais do Concello de Lugo co obxectivo de avanzar na implantación da carreira profesional municipal, un dos proxectos estratéxicos do Executivo en materia de persoal. Abelleira cualificou o encontro de moi produtivo e anunciou que moitas das propostas que enriquecen o borrador se incorporarán ao documento, mantendo un novo encontro próximamente.
Durante a xuntanza, a concelleira trasladou aos representantes dos traballadores os contidos principais da proposta de Regulamento da Carreira Profesional Horizontal e da Avaliación do Desempeño, abrindo unha nova fase de diálogo técnico e negociación cara á súa futura aprobación. González Abelleira salientou que se trata “dun proceso construído desde a escoita e a participación, no que se están a incorporar as achegas e propostas trasladadas polas organizacións sindicais ao longo dos últimos meses”.
O sistema proposto busca recoñecer o esforzo, a experiencia e o compromiso do persoal municipal coa mellora continua dos servizos públicos mediante un modelo obxectivo, regulado e transparente que permita distinguir a competencia profesional individual. Tamén pretende reforzar a motivación ao longo da vida laboral, promover a actualización permanente de coñecementos e consolidar unha cultura organizativa baseada na corresponsabilidade co servizo público.
A carreira profesional horizontal permitirá ao persoal funcionario de carreira, interino e laboral progresar profesionalmente sen cambiar de posto. O modelo estrutúrase en graos, cun inicial e catro adicionais (I, II, III e IV) para cada grupo ou subgrupo profesional, aos que se accederá de forma consecutiva cumprindo períodos mínimos e superando unha avaliación obxectiva do desempeño.
O regulamento contempla dous sistemas diferenciados: un ordinario, destinado ao desenvolvemento futuro da carreira profesional, e un extraordinario que permitirá recoñecer a antigüidade e os servizos prestados antes da implantación do modelo. Este mecanismo garante que o persoal actual poida acceder aos distintos graos segundo a súa traxectoria profesional, cun tratamento diferenciado respecto ao persoal de novo ingreso.
A avaliación do desempeño constitúe un elemento central do sistema, configurándose como o procedemento para medir e valorar a conduta profesional, o rendemento e o logro de resultados baixo principios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación, contribuíndo así a unha administración máis moderna e eficiente.
No ámbito económico, o complemento vinculado aos graos implantarase de forma progresiva ao longo de cinco anos para garantir a sustentabilidade orzamentaria. Establécese tamén un sistema de aceleración para o persoal de maior idade, permitindo que quen se achegue á xubilación perciba unha porcentaxe superior desde os primeiros anos, alcanzando o 100% segundo os tramos de idade establecidos.
A concelleira subliñou que “estamos ante unha proposta seria, dialogada e sostible, que supón un salto cualitativo na profesionalización da administración local e no recoñecemento do traballo diario do persoal municipal”, e reafirmou a vontade do Goberno local de continuar o proceso negociador para lograr un acordo que permita implantar un modelo “máis xusto, motivador e adaptado ás necesidades dunha administración pública moderna”. Ademais, agradeceu a implicación e as achegas dos representantes das persoas traballadoras.