Avanzan os traballos de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena en Lugo

A Avenida Infanta Elena de Lugo encara a fase final do seu desdobramento e humanización, un proxecto que transformará a principal vía de acceso á cidade polo norte. Esta semana avanzan os traballos coa colocación das beirarrúas no último tramo de 456 metros, situado entre a glorieta de Garaballa e a de Benigno Rivera.
A actuación, que xa remodelou máis de dous quilómetros da estrada desde a glorieta do 25N, supón un investimento global de 2,445 millóns de euros por parte da Deputación de Lugo. O proxecto contempla unha plataforma de 32,5 metros de ancho con dous ou tres carrís de circulación en cada sentido, carrís bici, beirarrúas, arborado e novo mobiliario urbano como bancos e papeleiras. Tamén se inclúe a renovación das redes de abastecemento, saneamento e iluminación para dotar a zona dos servizos necesarios ante o futuro crecemento da cidade.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou durante unha visita ás obras que “se todo continúa como ata agora, entre outubro e novembro teremos completo un acceso espectacular, o mellor que terá Lugo e onde máis falta fai pola afluencia de tráfico que rexistra”. Avanzou ademais que en dez ou quince días poderase comezar co estendido do outro carril unha vez rematen os traballos nas marxes coa instalación das tubaxes.
Pola súa banda, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, destacou que xa é visible a transformación deste acceso, especialmente relevante pola proximidade de zonas comerciais e industriais. Subliñou que a actuación permitirá contar cun espazo arborado, con iluminación e novo mobiliario urbano, adaptado a un modelo de cidade aberta e sostible. Tamén agradeceu o compromiso da Deputación e o esforzo económico realizado, que permitirá continuar con proxectos de mellora noutros accesos como a Avenida Adolfo Suárez.