Avanzan os trámites para a mellora do saneamento en Monterroso
A Xunta de Galicia vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo de mellora do sistema de saneamento de entrada á estación depuradora de augas residuais de Monterroso. Unha actuación adxudicada por Augas de Galicia por máis de 120.000 euros.
Este contrato, adxudicado a Ain Active S.L. por máis de 120.000 euros e cun prazo de execución de 8 meses, ten como obxectivo impulsar a mellora do sistema de saneamento e depuración municipal.
Esta é a primeira parte, a redacción do proxecto, para construir un tanque de tormentas e a modificación da infraestrutura de chegada das augas á depuradora. Actuacións que forman parte da primeira fase das intervencións necesarias para a mellora do sistema de saneamento e da depuración municipal.
Con todo, quen prestará os servizos de depuración e saneamento será o Concello, quen solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a súa colaboración. Augas de Galicia, dependente desta área de goberno, redactará o proxecto de construción destas actuacións e comprométese ao cofinanciamento futuro das obras.
A base para o desenvolvemento deste contrato susténtase na avaliación realizada polos técnicos de Augas de Galicia para resolver os problemas que presenta actualmente a depuradora, onde o caudal de auga tratada supera de modo relevante o caudal medio de deseño, e para mellorar o funcionamento do sistema de saneamento municipal.
Con todo, para unha definición máis detallada das actuacións previstas, faise necesaria a redacción deste proxecto construtivo, que permita definir con máis exactitude a localización e dimensionamento óptimo do tanque de tormentas, co obxectivo de garantir o mantemento dos obxectivos de calidade das augas.
Ademais, a redacción do proxecto construtivo fará posible analizar outras necesidades de ampliación da estación depuradora de augas residuais de Monterroso, como é a liña de lodos.
Este contrato conta coa financiación da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.