Avánzase na remodelación das actuais instalacións da Protectora de Animais de Lugo

O presidente da Protectora de Animais de Lugo, Alberto Losada, reuniuse co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Deputació, José Tomé, para avanzar na remodelación das actuais instalacións de Muxa.
O alcalde comprometeuse en colaborar no financiamento e estudar e analizar o proxecto de mellora do albergue, así como a avaliar o principal escollo, a viabilidade legal dunha proposta que a Protectora entregou esta semana ao alcalde.
Agora, sinala Fernández, “serán os técnicos municipais os que deberán analizar se esta solución cumpre coa lexislación, desde o punto de vista urbanístico.
En calquera caso, como xa dixemos, se se confirma esta viabilidade urbanística, dende o Concello abordaremos o proxecto, agardamos que en colaboración co resto das administracións implicadas”.
Desde a Deputación de Lugo, o seu presidente, José Tomé, xa deixou claro que o apoio e respaldo da institución provincial será total. “A Deputación mantén o seu compromiso co Concello para a mellora das condicións da Protectora de Animais da cidade, para dar unha solución definitiva e eficaz a esta situación”.
Neste sentido, tanto o alcalde como o presidente provincial coincidiron ao sinalar que “este compromiso tradúcese nunha vontade clara de cofinanciar as actuacións necesarias para a remodelación das instalacións, sempre dentro do marco legal vixente e garantindo a protección e benestar dos animais”.
Para José Tomé “é fundamental que todas as administracións impliquemos os recursos e a responsabilidade que nos corresponde, polo que instamos tamén á Xunta de Galicia a sumarse a este esforzo compartido, cunha implicación real e efectiva que permita avanzar nun proxecto que non pode seguir agardando”.
Miguel Fernández lembrou que, ao igual que os técnicos municipais están a analizar a legalidade do proxecto, presentado ao Concello e valorado en preto de 700.000 euros, este debe contar co visto bo do resto de administracións implicadas, como é o caso da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Polo de agora, estase a determinar que sexa viable desde o punto de vista urbanístico.
Por último, o rexedor municipal insistiu en que “o benestar animal é un dos compromisos e prioridades deste Goberno Local”, como se demostra coas partidas destinadas nos últimos cinco anos a colectivos que traballan neste eido, e que superaron o millón de euros, con 200.000 euros anuais para a Protectora; 30.000 para o colectivo Michos e preto de 150.000 euros para garantir a atención veterinaria a través do Rof Codina.
Ademais, “a esta cantidade, -comentou o alcalde de Lugo-, e no caso específico da Protectora de Animais, nos orzamentos municipais para este 2025 se aprobou un presuposto de 500.000 euros”.
A XUNTA CELEBRA ESTE AVANCE
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, celebra que o Concello e a Deputación Provincial se adhiran á proposta da Xunta para ampliar e mellorar as actuais instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas na capital.
Arias mantivo un encontro co presidente da entidade, Alberto Losada, no que destacou que a Xunta liderou este proxecto desde o primeiro momento, apostou sempre por acondicionar o recinto actual, e foi a primeira en ofrecer un terzo do financiamento necesario para as obras.
Ao respecto, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático comprometeuse o pasado mes de marzo a achegar a terceira parte do custo total, e apelou á necesaria implicación do Concello de Lugo e da Deputación Provincial para ampliar e modernizar as dependencias da Protectora.
O delegado considera que “este foi un paso adiante decisivo, na dirección que querían os propios interesados e que parece a máis oportuna, para que o proxecto por fin avance cara a súa materialización”.
Ademais, sinalou que o Goberno galego sempre avogou por manter o servizo no seu emprazamento de Muxa, en sintonía coa preferencia da propia organización, en lugar de trasladalo a San Xoán de Pena como defendía o Concello de Lugo.