Avánzase na renovación da rúa Serra de Meira en Lugo cun proxecto de 882.000 euros

A Xunta de Galicia xa dispón do proxecto actualizado para a renovación da rúa Serra de Meira, en Lugo, no tramo comprendido entre as rotondas de Serra de Meira e a avenida Adolfo Suárez, unha actuación que forma parte das intervencións previstas no Plan Paradai. O documento, encargado pola Axencia Galega de Infraestruturas, contempla un investimento próximo aos 882.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o seguinte paso será a sinatura dun convenio co Concello, dado que se trata dunha vía de titularidade municipal.
Ademais, o goberno local deberá solicitar autorización á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, aínda que Arias confía en que o trámite sexa áxil, xa que a Administración autonómica contactou previamente co organismo de conca para facilitar a tramitación desta actuación, considerada clave para o desenvolvemento urbanístico da zona. A partir dese punto, e logo dos informes sectoriais necesarios, poderase avanzar na licitación das obras.
O proxecto foi actualizado seguindo o deseño xeométrico pactado co Concello de Lugo na reunión celebrada en abril na Delegación Territorial. O plan recolle a construción de muros de contención para permitir o ensanche da rúa Serra de Meira fóra da zona de servidume, mantendo ao mesmo tempo as ramplas de acceso ao río tanto para peóns como para ciclistas.
Así mesmo, conservaranse as prazas de aparcadoiro en liña na marxe esquerda da vía, a oposta ao río, e as paradas de autobús situadas a ambos lados da calzada.