Avánzase no servizo de transporte rural a demanda do municipio de Lugo

LugoXa
“Lugo poderá contar cun sistema que permita aos veciños das parroquias sen servizo de autobús solicitar un taxi para desprazarse", sostivo Rubén Arroxo
BNG-Lugo-taxis
15 Apr 2025

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo iniciará o procedemento para actualizar a ordenanza do taxi de Lugo, un texto que permitirá "actualizar a ordenanza á normativa vixente, que contaba con máis de 20 anos de antigüidade, e avanzar na implantación do servizo de transporte a demanda para as zonas rurais do concello", explicou o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.

A nova ordenanza, que será publicada nas vindeiras semanas, permitirá aos taxistas presentarse á licitación deste servizo unha vez se inicie o procedemento.

O texto actualizará a normativa de 2002 para adaptala á lexislación galega de 2018 e terá que ser aprobada inicialmente no pleno municipal, posteriormente pola Xunta de Galiza, e de novo polo Pleno de xeito definitivo.

Rubén Arroxo destacou que esta actualización se fixo "da man co sector do taxi, mantendo múltiples xuntanzas coa asociación de taxistas para avanzar nesta nova normativa".

Arroxo destacou que “poñeremos en marcha un servizo para que a veciñanza, baixo demanda, poida facer os seus desprazamentos, xa que o bus urbano non pode chegar ás 54 parroquias” e lembrou que o taxi a demanda “é un servizo que non existe aínda en ningunha cidade do estado, só en Pontevedra está a traballar neste servizo”.

TRANSPORTE RURAL A DEMANDA

O transporte rural a demanda requirirá da posta en marcha dunha plataforma de control que permita ao Concello coñecer a demanda do servizo e os percorridos realizados por cada vehículo.

O servizo funcionará de xeito similar ao bus urbano, conectando todas as parroquias con rutas predefinidas e mantendo o prezo do billete do bus urbano, sempre que a veciñanza dos núcleos rurais o solicite con antelación.

Arroxo concluíu que “sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible”.

En definitva, “Lugo pode ser a segunda cidade do estado en contar cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido”.

⚙ Configurar cookies
0.1812150478363