Aversión, estrés ou vinganza: os comportamentos non aptos para os animais de compañía

LugoXa
O VIII Congreso de Etoloxía Clínica Aplicada do Campus Terra serviu para constatar que as mascotas actúan, en boa medida, como espellos que reflicten a conduta e o comportamento dos seus titores A Aversión, o estrés ou a venganza constitúen códigos que pouco ou nada favorecen o bo comportamento e as condutas desexadas nos chamados animais de compañía.
17 Mar 2024

O VIII Congreso de Etoloxía Clínica Aplicada do Campus Terra serviu para constatar que as mascotas actúan, en boa medida, como espellos que reflicten a conduta e o comportamento dos seus titores

A Aversión, o estrés ou a venganza constitúen códigos que pouco ou nada favorecen o bo comportamento e as condutas desexadas nos chamados animais de compañía. Así se puxo de manifesto no VIII Congreso de Etoloxía Clínica Aplicada celebrado na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, unha reunión científica na que tomaron parte unhas 160 persoas, entre eles os relatores Tomás Camps, Xavier Manteca, Marta Amat e Ángela González, diplomados europeos en Benestar Animal e Medicina do Comportamento.

A cita promovida polo Grupo Universitario de Etoloxía Clínica Aplicada, un colectivo estudantil agromado na sede universitaria luguesa baixo o apadriñamento da etóloga clínica Rof Codina, Ángela González, serviu para constatar que as mascotas actúan, en boa medida, como espellos que reflicten a conduta e o comportamento dos seus titores.

As primeiras palestras deste foro afondaron sobre as práctica axeitadas para educar un cachorro desde o respecto e o vínculo seguro, ao tempo que tamén trataron sobre as claves do temperamento en cans e gatos, un tipo de condutas ou reaccións resultantes da interacción do propio animal e dos seus xenes co ambiente no que se move e coa forma de ser dos seus titores.

A graduada en Veterinaria e investigadora no Hospital Rof Codina Susana Muñiz estableceu unha relación directa entre os problemas de comportamento que presentan algúns cans co emprego de estímulos desagradables  ao longo do seu proceso educativo e de aprendizaxe. Muñiz alentou neste senso aos titores de mascotas participantes no congreso a rexeitar e afastarse dos métodos de educación de mascotas amosados nalgúns programas de televisión para decantarse por procesos adestramento  baseados en actitudes positivas que favorezan a creación dun vínculo seguro.

A agresividade, problema frecuente entre felinos

As recomendacións tamén poderían ter a súa aplicación no caso dos felinos, dado que a agresividade é un dos problemas máis frecuentes que presenta esta especie, dixo Marta Amat. Alén destas cuestións, a etóloga Ángela González abordou neste congreso a incidencia do estrés na cistite idiopática felina (CIF), unha patoloxía crónica que cursa con dor, urxencia urinaria e aumento da frecuencia de miccións sen ningún proceso de infección asociado.

Do mesmo xeito que ocorre entre a poboación humana, González non dubidou en apuntar o estrés como un dos factores que aumenta o risco de CIF en felinos. As palestras sobre problemas de comportamento de cans e gatos, o seu diagnóstico e a adopción de medidas preventivas ou de superación centraron a primeira xornada do VIII Congreso de Etoloxía Aplicada, un foro no que as persoas participantes tamén tiveron a oportunidade de afondar sobre o comportamento dos réptiles, as aves rapaces, así como respecto do emprego de intelixencia artificial e do deporte canino.

0.14511919021606