Avimós achégase aos colexios para a formación avícola

TerraChaXa | LugoXa
Os nenos involúcranse en todas as fases da cría avícola durante un mes como parte da súa formación.
polos galina de mos
29 Abr 2024

Os nenos involúcranse en todas as fases da cría avícola durante un mes como parte da súa formación.

A Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós) é a encargada salvagardar a continuidade desta especia autóctona en Galicia.

Ao calor desta idea puxeron en marcha unha iniciativa que consiste en converter aos escolares en pequenos produtores desta especie.

Hai xa máis de sete anos que comezaron a traballar cos colexios e a experiencia é moi satisfactoria.

O éxito é tal que todos os anos teñen todas as incubadoras ocupadas en centros escolares e os colexios están facendo as súas reservas para o próximo ano.

O obxectivo deste programa non só é dar a coñecer a raza da galiña de Mos, a única raza autóctona aviar que hai en Galicia, a súa función tamén é achegar aos pequenos o respecto e o coñecemento do rural.

Así, os pequenos teñen os ovos na incubadora durante 21 días. Tras este proceso, o centro dispón dos polos de raza de Mós, que entran no segundo proceso de cría, mediante un espazo cerrado con calor continua, e poden pasar a un galiñeiro ó aire libre a continuación. Centros como o de Román, onde se puxo en marcha esta iniciativa, foron máis alá e fixeron o seu propio galiñeiro. “O alumnado aprende contidos da área de Ciencias Naturais, de forma práctica, atractiva, e a súa vez moi lúdica”, explican desde o centro.

Os resultados do programa están sendo totalmente satisfactorios, xa que o alumnado está inmerso totalmente na aprendizaxe de proceso de cría de polos, e no seu coidado, dando así resposta a actividades activas e partindo de contornas máis próximas, que son principios pedagóxicos do currículo de educación primaria en Galicia.

Avimós, que traballa por toda Galicia xa estivo en varios colexios. Na comarca destaca a participación tamén do centro vilalbés de Monseivane, o de Castro de Rei, Muimenta ou en Abadín. Nesta última localidade estiveron no centro de día, facendo partícipes aos usuarios dunha experiencia que a moitos deles non lle é tan allea e común cos nenos do colexio, que acudiron a ver o nacemento dos polos e puideron collelos.

Normalmente esta actividade complétase cunha charla divulgativa sobre a Galicia e Mos e a súa importancia para o sector avícola.

“Vemos moitas veces a cara de sorpresa dos pequenos, e moitas veces tamén dos pais, cando vén nacer os polos. Sabemos que o rural estase a despoboar e para moitos deses nenos é toda unha novidade ver as galiñas tan de preto, queremos que a xente teña cariño ás nosas orixes e que saiba de onde vimos”, engade Francisco Monasterio, presidente da entidade.

0.18873810768127