Axeigo, os cinco rapaces lucenses que apostan porque a música tradicional “se siga respectando como se merece”

LugoXa
O grupo, que naceu no 2015, retoma a súa actividade con citas como a Foliada de Primavera de Rábade, na que se estrearon como organizadores, e con actuacións no San Froilán, na Xira de Ribadeo ou na Foliada da Fonsagrada, entre outras Por Lucía Blanco Teñen entre 18 e 23 anos, pero a pesar da súa curta idade, o seu obxectivo está máis que claro: “Queremos que a música tradicional se siga respectando como se merece”.
axeigo_lugo
7 Maio 2024

O grupo, que naceu no 2015, retoma a súa actividade con citas como a Foliada de Primavera de Rábade, na que se estrearon como organizadores, e con actuacións no San Froilán, na Xira de Ribadeo ou na Foliada da Fonsagrada, entre outras

Por Lucía Blanco

Teñen entre 18 e 23 anos, pero a pesar da súa curta idade, o seu obxectivo está máis que claro: “Queremos que a música tradicional se siga respectando como se merece”. Uxío, Manuel, Pablo, Miguel e Óscar forman Axeigo, un grupo que decidiu retomar a súa actividade fai un par de anos, pero que naceu no 2015 no Centro de Música de Fingoi.

“Coincidimos porque tiñamos o mesmo profesor que era Pepe Baamonde, que nos ensinou. Eramos todos rapaces da mesma idade, compartíamos clases e estabamos moi motivados coa música tradicional. Lembro que deramos bastantes concertos e ata gravamos un disco”, recorda Uxío Vaamonde que xunto con Manuel Santín son os dous gaiteiros que seguen no quinteto. A pandeireta, o tambor e o bombo completan esta formación que, pouco a pouco, foi enriquecendo o seu repertorio.

“Á hora de recuperar o grupo, tiramos bastante do que nos ensinara o noso profesor e co empezaramos a rodar. Tiñamos outro nivel, estivemos noutras agrupacións musicais e fomos inspirándonos e absorbendo todo o que aprendemos neses anos de parón e aproveitando que temos uns percursionistas estupendos fomos complicando máis as pezas con novos arranxos”. Combinar o traballo ou o estudo cos ensaios e o labor na formación non resulta sinxelo, recoñece Uxío, pero paga a pena. “Cada vez vaise complicando máis. Cando empezamos, a finais de 2022, todos estabamos un pouco máis libres. Por exemplo, agora eu estou estudando e dou algunhas clases e tres dos meus compañeiros son profesores de música tradicional. Pero imos atopando tempo, sobre todo as fins de semana”.

Estes cinco músicos van sumando aparicións en grandes citas como o San Froilán, o Entroido do Hío, a Xira de Ribadeo ou a Foliada da Fonsagrada coas que van facéndose un oco no panorama do folk galego. “Aínda que cada vez máis xente nos coñece, moitas veces imos amenizar unha sesión vermú, unhas festas patronais, unha feira ou unha romaría e chámannos por un carácter protocolario, porque nos recomendaron. Pero ao final acaban encantados con nós, sempre tivemos moi boas sensacións e dámolo todo nas actuacións”. Precisamente, o seu bo facer quedou máis que demostrado coa Axeigada, a primeira Foliada de Primavera de Rábade, que organizaron.

Defensa do patrimonio cultural

“É a primeira vez que facemos algo así, tiñamos nula experiencia na organización de eventos. Pero realmente todo o mundo nos comentou que lle gustou moito. Confiaron moito en nós, todos os colaboradores, a asociación Fillos Da Chaira, o Concello de Rábade e todos os establecementos locais que nos axudaron”. O programa incluíu dende obradoiros da man de Xavi Iglesias e Pepe Baamonde ata Cantos de Taberna.

“Apuntáronse moitas persoas aos cursos e a xente da vila, independentemente de que fora do ambiente da música tradicional e lle gustara máis ou menos, quedou moi contenta porque había moito ambiente nos bares”. O mal tempo non freou a xuntanza, que continuou no centro sociocultural coa foliada. “Sorprendeunos moito porque estaba chovendo a chuzos e cando chegamos estaba o aforo repleto. Nun principio case non había espazo para bailar e mira que era grande o sitio”, recorda Uxío.

Aínda que non teñen data fixada, a intención é repetir o evento e convertelo nunha cita recorrente. “Con este tipo de actividades xuntamos algo tan tradicional como son os cantos de taberna e o interese de poder gañar coñecemento cos cursos e obradoiros e a festa colectiva e xuntanza como son as foliadas”. E todo vai na liña da defensa do noso patrimonio cultural pola que apostan estes cinco rapaces. “A parte de que nos gusta a nós, sempre estivemos moi concienciados e sáenos de dentro. Inconscientemente buscamos que a música tradicional se valore e por iso o facemos”.

0.17119288444519