Azucena del Carmen Mora Gutiérrez tomou posesión da cadeira número 21 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

LugoXa
José Tomé destacou Lugo como “un referente nacional e internacional en formación e investigación veterinaria”
toma-de-posesión-de-Azucena-del-Carmen-Mora-Gutiérrez-na-Academia-de-Ciencias-Veterinarias-de-Galicia
1 Nov 2024

A catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Azucena del Carmen Mora Gutiérrez vén de tomar posesión da cadeira número 21 da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia.

Ao acto, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, asistiu o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Antonio Crespo Iglesias; a tenente de alcaldesa de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira; e o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco José Fraga López, entre outras autoridades.

Tomé Roca recalcou a “liña de colaboración permanente” que mantén a institución provincial co eido da investigación e a divulgación científica, ao tempo que avanzou a importancia de fomentar “o contacto da administración coas organizacións profesionais ou as Academias, pois é un xeito de detectar necesidades, poñer en común esforzos e achegar ao conxunto da sociedade os froitos da investigación”.

O presidente trasladou a súa felicitación á lucense Mora Gutiérrez, “unha excelente veterinaria e investigadora”, destacou e avanzou que “estou seguro de que a súa incorporación á Academia de Ciencias de Veterinaria vai supoñer un referendo, un novo impulso á súa puxante carreira e, ademais, vai enriquecer o traballo excepcional que xa desenvolve esta institución científica”.

Na súa intervención, o mandatario provincial tamén destacou Lugo como “un referente nacional e internacional en formación e investigación veterinaria” e subliñou que “a excelencia académica e investigadora se combina coa colaboración co sector produtivo tanto en investigación como en transferencia do coñecemento".

Así mesmo, fixo referencia á posibilidade de utilizar “laboratorios vivos desta casa, como ocorre xa coa Granxa Experimental de Leite e proximamente coa Granxa de Porco Celta, construídos pola Deputación na finca Gayoso Castro”.

Nesta liña, José Tomé puxo en valor a importancia dese “traballo conxunto que está a impulsar a ciencia, a transferencia do coñecemento, o benestar animal e tamén a modernización e a boa imaxe de calidade dos nosos produtos”.

Ademais, recalcou que “este é un acto de recoñecemento ao traballo de Azucena del Carmen Mora, pero tamén do excelente nivel acadado pola formación veterinaria en Lugo. E nese traballo, e no camiño de seguir avanzando, os profesionais, a USC e a Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia seguirán contando coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo”.

Pola súa banda, a profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Azucena del Carmen Mora Gutiérrez, abordou na súa intervención de ingreso a problemática da resistencia aos antibióticos desde a perspectiva One Health, o enfoque que conecta a saúde humana, animal e ambiental.

Recentemente, foi recoñecida co premio do Plan Nacional de Resistencia aos Antibióticos (PRAN) á mellor iniciativa de investigación polo seu traballo 'Monitorización integrada del flujo de resistencias a antimicrobianos (RAM) y dianas de intervención del medio ambiente, a la granja y a la mesa'.

0.20410394668579