Balance positivo dunha festas do San Froilán marcada polas limitacións de aforos
Dende o Concello de Lugo fan un balance "moi positivo e un éxito económico e social” estas festas do San Froilán 2021, unha edición marcada polas limitacións de aforos e os protocolos sanitarios con motivo da pandemia, que supuxo, a pesar disto, un importante revulsivo económico para a cidade, especialmente para a hostalería e o comercio local.
“Estamos moi satisfeitos do desenvolvemento desta nova edición do San Froilán, pese as dificultades e o escaso marxe temporal conseguimos que os barraquistas puideran retomar o seu traballo e contribuiran a dinamizar, deste xeito, as rúas da nosa cidade”, explicou a rexedora lucense Lara Méndez.
Así mesmo, apuntou que “segundo os datos facilitados pola Apehl, a ocupación hoteleira rozou o 100% durante a ponte do Pilar, unha noticia moi positiva para Lugo e para a reactivación económica do municipio”.
Por outra banda, a alcaldesa subliñou que “as festas tamén tiveron un compoñente social moi importante, pois os nenos e nenas merecían uns días de diversión despois destas etapas tan duras”. Neste senso, este ano os tickets para as atraccións tiveron de inicio un prezo máis reducido, co obxectivo de que todos os cativos puidesen gozar das barracas.
Pola súa banda a edil de Cultura, Maite Ferreiro, indicou que "damos por cumprido o obxectivo de que cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa gozaran e sentisen seu o San Froilán".
Maite Ferreiro aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que "nestes días traballaron de xeito continuado para que o San Froilán fose un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza".
"A asistencia de público aos concertos e ás actividades programadas foi máis que satisfactoria, lucenses e visitantes disfrutaron do San Froilán dende o seu comenzo o día 4 ata o seu remate o día 12 con seguridade e cumprindo os protocolos sanitarios vixentes" indicou Maite Ferreiro e engadiu "a gran afluencia de veciñanza e visitantes demostrou que despois de case dous anos de restriccións, a xente quería unhas festas como o San Froilán, cun programa que chegara a todo tipo de público para que todas as persoas de Lugo e as visitantes sentisen o San Froilán como seu".
Por outro banda, o vicevoceiro popular Antonio Ameijide asegura que o bipartito non deu a talla na promoción do programa do San Froilán e puxo en evidencia a falta de planificación. E conclúe que “se o San Froilán estivo animado foi grazas as gañas que tíñamos os lucenses de disfrutar así como pola boa climatoloxía que motiva á xente a sair á rúa e estar alegre” concluíndo“o programa era moi mellorable, salvouse polo bo tempo”.
Na mesma liña, Cidadáns avalou como nestes días "a nosa cidade recuperou parte da súa cor", ao mesmo tempo que criticou a falta de planificación xa que " o pasado 1 de setembro esixiamos publicamente a organización dun recinto feiral en consonancia coa realidade pandémica e así evitar as aglomeracións existentes cunha mellor planificación".