Baleira acolle a xornada 'Amas da Terra para impulsar o talento e o emprendemento feminino no rural'

A xornada 'Amas da Terra. Dinamización do talento e emprendemento feminino no rural' celebrouse no concello de Baleira como un espazo de encontro para compartir experiencias e iniciativas lideradas por mulleres que desenvolven o seu traballo en ámbitos ligados á alimentación e ao medio rural. A actividade estivo organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego da Fonsagrada en colaboración coa cociñeira Lucía Freitas e contou coa participación do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández.
O obxectivo do encontro foi visibilizar proxectos femininos asentados no rural e explorar novas vías para reforzar o desenvolvemento local a través do emprendemento. Durante a xornada púxose o foco no potencial do territorio como un espazo cheo de oportunidades, no que o talento local pode atopar apoio e recursos para medrar e consolidarse.
Pablo Fernández destacou o papel do Polo da Fonsagrada á hora de fortalecer o ecosistema emprendedor, favorecendo a creación de sinerxías e novas oportunidades mediante a conexión entre as persoas emprendedoras e os recursos existentes no territorio. Subliñou tamén a relevancia de iniciativas como Amas da Terra, que contribúen a mudar a visión do rural e a situalo como un ámbito atractivo para emprender.
O secretario xeral puxo en valor o traballo desenvolvido polo Polo da Fonsagrada desde a súa posta en marcha, sinalando que xa atendeu preto de 190 proxectos emprendedores, máis da metade deles impulsados por mulleres, en sectores como a hostalaría, o comercio, a agricultura ou a gandería. Ademais, lembrou que este centro forma parte da rede de cinco Polos activos na provincia, xunto cos de Friol, Monforte, Sarria e Mondoñedo, que no seu conxunto asesoraron máis de 1.200 proxectos e contribuíron á creación de máis de 90 empresas.