Baleira celebra a Feira do Mel da Montaña 2025 cun programa cheo de actividades e tradición

A vila de Baleira volverá converterse no epicentro da apicultura galega coa celebración da Feira do Mel da Montaña 2025, que se desenvolverá os días 25 e 26 de outubro.
A cita, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais xunto co Concello de Baleira e o apoio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e O Courel, ofrecerá un completo programa de actividades dirixido a todos os públicos.
O sábado 25 de outubro abrirase coa tradicional partida de billarda ás 11:00 horas, seguida dun obradoiro de cosmética con mel e outro sobre a calidade do produto. Pola tarde celebrarase a pre-cata do concurso do mellor mel e, xa á noite, terá lugar un magosto popular con degustación gratuíta de empanada, viño e castañas, nun ambiente festivo e participativo.
O domingo 26 iniciarase coa apertura dos postos ás 10:00 horas e diferentes obradoiros familiares a partir das 11:30, entre eles a elaboración de barriñas enerxéticas con mel, pole e froitos secos, ademais de contos e actividades sobre as abellas Ancaresas.
Ás 12:00 comezarán os traballos do xurado da cata e ás 13:00 celebrarase unha degustación de produtos elaborados con mel e cervexa artesanal, coincidindo coa visita das autoridades. O evento culminará ás 14:00 horas coa entrega dos premios Pintameles e Mellor Mel da Montaña Lucense.
A Feira do Mel da Montaña é xa unha cita consolidada no calendario outonal da comarca e unha das máis destacadas de Galicia, tanto polo seu valor divulgativo como polo seu papel na promoción dos produtores locais e na posta en valor do mel de montaña, símbolo da tradición e do medio rural lucense.