Baleira celebrará as III Xornadas de degustación do cocido da montaña cunha xornada gastronómica e festiva

LugoXa
A cita terá lugar o sábado 21 de febreiro de 2026 no pavillón municipal con xantar popular, desfile de disfraces e animación durante toda a tarde
Xornadas-de-cocido-Baleira
4 Feb 2026

O Concello de Baleira acollerá o sábado 21 de febreiro de 2026 as III Xornadas de degustación do cocido da montaña, unha iniciativa que combina gastronomía, tradición e animación co obxectivo de poñer en valor un dos pratos máis representativos da zona da montaña. A actividade desenvolverase no pavillón municipal ao longo de toda a xornada e contará con propostas pensadas para todos os públicos.

As entradas para participar no xantar poderán adquirirse de forma anticipada, desde o xoves 5 ata o martes 17 de febreiro, nos establecementos colaboradores A Marronda, Hotel Moneda, O Neireo e O Recuncho de Vane, cun prezo de 35 euros. Os menores de 9 anos poderán acceder de balde, aínda que deberán recoller a correspondente invitación xunto coa entrada dos adultos.

O pavillón abrirá as súas portas ás 13:45 horas e ás 14:00 horas terá lugar a actuación do grupo tradicional Toxo Queimado da Asociación Cultural Camiño Primitivo de Baleira. O xantar do cocido comezará ás 14:30 horas e, unha vez finalizado, realizarase o sorteo de dúas caixas con produtos do Xeodestino Ancares – Terras de Burón entre as persoas asistentes.

A partir das 17:30 horas o pavillón volverá abrir para todas aquelas persoas que queiran participar no desfile, independentemente de que conten ou non con entrada para o cocido. O desfile de disfraces dará comezo ás 18:00 horas, nunha tarde na que tamén haberá inchables gratuítos para nenos e nenas e animación musical a cargo do DJ Adolfo Valiño Pérez.

As xornadas están organizadas polo Concello de Baleira coa colaboración do GDR3 Montes e Vales Orientais e teñen como finalidade dar a coñecer e promocionar o cocido da montaña como prato típico do territorio. O cocido que se degustará está elaborado por BBC Pallin.

Ademais, desde a organización convídase á xente de fóra do territorio a visitar a comarca durante os meses de inverno para degustar este prato nos locais certificados co distintivo Cociña de Ancares Terras de Burón, arredor de 18 establecementos repartidos por todo o Xeodestino Montes e Vales Orientais.

⚙ Configurar cookies
0.079230070114136