Baleira contará cunha nova parcelaria en Retizós para mellorar a rendibilidade agraria

O Diario Oficial de Galicia publicou o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a concentración parcelaria da parroquia de Retizós, no concello lucense de Baleira.
A actuación abranguerá unha superficie de 775,38 hectáreas, que suman un total de 1.661 parcelas catastrais pertencentes a 178 titulares, cunha media de 4.500 metros cadrados cada unha. Co proceso, prevese aumentar a rendibilidade dos predios e optimizar o uso agrario do territorio, cun investimento global de 1,75 millóns de euros.
A iniciativa partiu da vontade dos propios veciños, que manifestaron o seu interese en levar a cabo unha reestruturación das súas terras. Unha vez finalizado o proceso, agárdase contribuír á mitigación dos efectos do cambio climático, reducindo as emisións de CO₂ grazas a menores desprazamentos e a prácticas agrícolas de menor impacto. Ademais, mellorarase a prevención de incendios forestais mediante a creación de infraestruturas e a recuperación de terras abandonadas ou improdutivas, co obxectivo de darlles un uso máis rendible e sustentable.
Desde o ano 2020, completáronse en Galicia 35 concentracións parcelarias que suman máis de 24.000 hectáreas e beneficiaron a máis de 18.000 propietarios, que recibiron preto de 40.000 títulos de propiedade. Ademais, desde 2021 decretáronse outras 29 novas parcelarias, cunha superficie total de 24.751 hectáreas, que inclúen 112.133 parcelas de 16.309 titulares. Este ano entregáronse os títulos correspondentes ás zonas de Xunqueira de Ambía e Oroso.
De cara a 2026, a Consellería do Medio Rural destinará 16,7 millóns de euros —case catro máis que neste exercicio— a continuar impulsando estes procesos de reestruturación, co obxectivo de combater o minifundismo, incrementar o valor das terras e reforzar a base territorial das explotacións, favorecendo así a súa rendibilidade e reducindo os custos de produción.