Baleira impulsa unha campaña de compostaxe doméstica para fomentar a reciclaxe dos residuos orgánicos

LugoXa
A iniciativa, apoiada pola Xunta de Galicia e financiada con fondos europeos, busca promover prácticas sostibles entre a veciñanza
compostaxe-Concello-de-Baleira
28 Oct 2025

O Concello de Baleira puxo en marcha unha campaña de compostaxe doméstica co obxectivo de promover a reciclaxe dos biorresiduos entre a veciñanza.

A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, e pretende fomentar prácticas sostibles na xestión dos residuos no ámbito doméstico.

Coincidindo coa celebración da Feira do Mel da Montaña, o concello instalou onte un posto informativo no que se ofreceu asesoramento sobre o proceso de compostaxe, así como información sobre os beneficios ambientais, económicos e sociais desta práctica. Ademais, facilitouse a inscrición ás persoas interesadas en participar no programa.

Desde o Concello de Baleira lembran que aquelas veciñas e veciños que aínda non se inscribiron e desexen adherirse á campaña poden solicitar un composteiro de maneira totalmente gratuíta. As solicitudes poden realizarse nas oficinas administrativas do concello ou por vía telefónica no número 982 35 40 59, ata fin de existencias.

⚙ Configurar cookies
0.088715076446533