Baralla acolle a charla 'Sementando Igualdade' polo 8M

O vindeiro sábado 8 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, o Centro Sociocultural de Baralla será o escenario da charla 'Sementando Igualdade', un evento deseñado para ofrecer claves para comprender e combater a violencia de xénero.
O relatorio estará a cargo de Jennifer Santín Viveiro, traballadora social, quen abordará as causas e consecuencias da violencia machista, ademais de propoñer estratexias para a súa erradicación.
O acto, organizado coa colaboración do Concello de Baralla e a iniciativa "#Baralla+", busca fomentar o debate e a concienciación ao redor da igualdade de xénero, promovendo un espazo de reflexión na comunidade.
A cita está programada para as 18.00 horas e está aberta á participación de todas as persoas interesadas en contribuír á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria.