Baralla acolle unha xornada informativa sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica
A Asociación Agraria de Galicia organiza unha xornada informativa sobre a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no Concello de Baralla.
A charla terá lugar no centro social do municipio este xoves, 28 de novembro, a partir das 12.00 horas e todas as persoas interesadas poderán participar para coñecer de que se trata e como paliala.
A EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp.
Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.