Baralla acollerá a nova convocatoria do Plan Camiña Rural con preto de 19 millóns para mellorar camiños municipais

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou en Baralla que o vindeiro 5 de febreiro se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria das axudas aos concellos dentro do Plan Camiña Rural, dirixido á mellora das vías municipais. A contía desta convocatoria ascende a preto de 19 millóns de euros, e os concellos disporán dun mes para presentar as súas solicitudes.
A titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo alcalde de Baralla, Miguel González, visitou esta mañá as actuacións en execución de arranxo de camiños neste municipio lucense, correspondentes á convocatoria de 2025, na que o concello recibiu unha axuda de case 83.000 euros. Desde 2016, Baralla beneficiouse de máis de 600.000 euros procedentes da Xunta para a mellora da súa rede viaria rural.
María José Gómez destacou o compromiso do Goberno galego coa mellora constante das infraestruturas rurais e, en particular, das vías que vertebran o territorio e son fundamentais para a dinamización social e económica das zonas rurais. Así, subliñou que desde 2016 a Xunta destinou preto de 156 millóns de euros a actuacións en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros.
O Plan Camiña Rural beneficia todos os concellos galegos mediante subvencións para a ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede de acceso a unha ou varias entidades de poboación. As intervencións poden consistir na ampliación, para mellorar a seguridade viaria ou permitir o cruce de vehículos en zonas de curvas, baixa visibilidade ou entroncamentos, ou na mellora, centrada no reforzo do firme, drenaxe, seguridade, adaptación de obras de paso de cursos fluviais, reforzo de cunetas, integración ambiental e sinalización.
Os fondos asignanse a todos os municipios partindo dunha cantidade mínima fixa de 24.550 euros, que se modula en función de criterios obxectivos como localización, despoboamento ou superficie do concello.