Becerreá é lugar de encontro do programa que ofrece formación a persoas migrantes en situación irregular

LugoXa
A segunda edición da iniciativa beneficiará 180 participantes e conta coa colaboración de empresas e entidades sociais para cubrir postos en sectores con alta demanda de man de obra
programa-Arraigo-Xunta-Becerreá
26 Aug 2025

Becerreá foi escenario dun encontro no marco do programa de arraigamento para a formación dirixido a persoas migrantes en situación irregular, unha iniciativa que se consolida cunha segunda edición destinada a beneficiar a 180 participantes ao tempo que responde ás necesidades dos sectores con maior demanda laboral.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, agradeceu a implicación da ONG Rescate Internacional, que se incorpora por primeira vez ao proxecto xunto con Cáritas Federadas en Galicia, Cáritas de Lugo e as Escolas Familiares Agrarias de Galicia.

A responsable autonómica subliñou que esta entidade está orientando un total de 35 persoas usuarias, nove delas presentes no acto celebrado esta tarde, todas con permiso de residencia e a maioría tamén con autorización de traballo.

Respecto dos perfís laborais, destacou que 36 empresas ofertaron vacantes para estas persoas, agradecendo especialmente a presenza dos cinco empresarios que asistiron ao encontro, que puxeron de relevo as necesidades en ámbitos como a gandaría, a construción, o sector forestal, os servizos e a comunicación.

Neste sentido, Lado salientou a implicación non só das empresas do propio municipio de Becerreá, de onde proceden sete das entidades colaboradoras, senón tamén doutros centros de traballo das provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Lembrou ademais que o proxecto se articula a través de accións formativas de curta duración orientadas a cubrir necesidades concretas en sectores como o turismo e a hostalaría, a atención sociosanitaria, a construción, a gandaría, a produción agroalimentaria, a limpeza, o mantemento de maquinaria ou a beleza, entre outros.

⚙ Configurar cookies
0.18151307106018