Becerrea e A Fonsagrada ofrecerán un curso que axude ás empresas a atraer turistas
Becerreá e A Fonsagrada contarán nos meses de febreiro e marzo, respectivamente, dun curso que axude as empresas locais a promover os seus produtos e a potenciar o turismo na zona. Esta formación está organizada por Xeodestino Ancares Terras de Burón e GDR Montes e Vales Orientais.
A formación serán 30 horas de carácter práctico co fin de que os emprendedores aprendan a atraer novos clientes, aproveitando ao máximo o potencial que teñen estas terras con produtos e servizos que resulten innovadores.
O curso conta con 10 prazas en cada edición co fin de que a formación sexa individualizada e de maior rendemento. Aínda que os participantes poderán colaborar con outras empresas para xerar as súas campañas e experiencias no territorio.
O turismo rural está en auxe nos últimos anos, isto vese reflectido nos datos obtidos dende que a pandemia aterrou nas nosas vidas. Son moitos os cidadáns que apostan por lugares menos masificados, con actividades ao aire libre que hoxe en día resultan máis seguras. Por iso, este tipo de iniciativas son unha gran ferramenta para os emprendedores das zonas rurais que buscan unha innovación e posta en marcha de campañas, co fin de atraer a novos clientes e chegar a máis xente, axudando a crear riqueza na zona.