Becerreá prepara a XVII Festa do Mexillón cunha xornada gastronómica e lúdica o 7 de decembro

O Concello de Becerreá ultima os preparativos para celebrar a súa XVII Festa do Mexillón, unha cita xa consolidada no calendario local e que este ano terá lugar o vindeiro 7 de decembro.
Ao igual que na pasada edición, a celebración desenvolverase na nave do Mercado Gandeiro a partir das 20:00 horas, converténdose nun encontro que combina gastronomía, música e actividades para todos os públicos.
A xornada permitirá degustar o mar desde a montaña, ofrecendo aos asistentes a oportunidade de gozar dun produto emblemático nun ambiente festivo e de convivencia. Ademais da degustación, está previsto que a festa conte con atraccións infantís e actuacións musicais que contribuirán a dinamizar a velada e a crear un ambiente animado ao longo de toda a noite.
O Concello destaca que esta proposta busca reunir á veciñanza e visitantes arredor da gastronomía, reforzando ao mesmo tempo a oferta lúdica e cultural do municipio nunha das datas máis especiais do ano.