Becerreá: Ruta de Penamaior e Pena do Pico
O roteiro presentado é unha fusión da ruta do Mosteiro xunto á da Pena do Pico. É circular polo que comeza e remata no mesmo punto, a Feira Vella de Becerreá. Cun desnivel positivo de 867 metros conta cunha distancia de 20,53 km e unha duración media de 5 horas e 46 minutos.
Partindo, como dixemos, da Feira Vella de Becerreá a ruta arranca seguindo as indicacións marcadas para chegar ao Mosteiro. Así, ata o quilómetro 1,78 no que haberá que desviarse á man dereita para introducirse nunha pista forestal onde se poderán descubrir grandes variedades de árbores: carballos, castiñeiros, piñeiros…
O percorrido ascende dende O Cereixal ata a Escola de Alta Montaña e a Ermida de San Lorenzo. Esta última convertiuse xa nunha parada obrigatoria, unha pequena capela que posúe unha gran campiña e que chegou a ser centro dunha importante romaría. Dende ela, poderase desfrutar dunhas marabillosas vistas dos concellos de Baralla e Baleira.
Atravesando o núcleo de Touzón, descenderase por unha senda ata o Mosteiro de Santa María de Penamaior, único en Galicia que dependía da orde Cistercense de Francia. O conxunto do Mosteiro está catalogado como (BIC) "Ben de Interese Cultural".
Malia que toda a ruta está indicada con paneis informativos, tras atravesar o núcleo de Touzón, haberá que meterse nun camiño que, por treitos, está sen sinalización. Aquí, a ruta transcorre pola dereita, collendo o camiño estreito e empedrado. Xa na parte baixa, desviase de novo á dereita e, dende aí, vése xa o mosterio.
No mosteiro remataría a primeira parte desta ruta, dende el, proseguimos en dirección Vilarín cunha pista que, entre praderías chegará a Liñares. En torno ao quilómetro 14, collerase a senda que leva ao Mirador da Pena do Pico.
Un treito de ascenso conduce ao altao da Pena do Pico onde unha torre de vixilancia e unha antena reciben aos visitantes. Outro dos puntos chave desta ruta son as vistas dende aquí en días despexados, nos que, segundo rezan os paneis informativos, pódese ver ata a cidade de Lugo.
Antes de iniciar o descenso de volta á Feira Vella de Becerreá, necesario o descanso no merendeiro. A volta, un gran descenso de 867 metros que atravesa o núcleo de Lamas, baixando pola ladeira sur da montaña.
Dende o Concello de Becerreá recomendan realizar este roteiro o segundo domingo de agosto, durante o que, neste último treito, de Pena do Pico, celebran unha romaría típica que conserva costumes tradicionais.