Benestar incrementa as prestacións do Centro de Día Novo Antonio Gandoy
O Executivo aprobou a adxudicación do servizo de comida no Centro de Día Novo Antonio Gandoy á empresa Calidus Catering Services S.L, fornecendo así a atención que se presta á poboación maior do municipio nestas instalacións municipais.
A través da licitación, a concellería de Benestar, segundo referiu a súa responsable, Olga López Racamonde, ofrecerá 14.040 almorzos e outras tantas merendas ao ano e 15.084 xantares ás persoas usuarias do centro – que dispón dunha capacidade de 50 prazas – redundando na asistencia integral que reciben durante o seu tempo de estancia.
A edil explicou que entre as melloras que incorporan os pregos do novo contrato se inclúe unha maior rotación dos menús para garantir unha diversidade de pratos.
“Haberá menús diferentes para 4 semanas e moita máis variedade no tipo de dietas, que poderán personalizarse en función das necesidades que presenten as e os usuarios, engadindo ás actuais e contempladas como básicas (basal, diabética, fácil mastigación, triturada e adstrinxente) a incorporación da apta para persoas celíacas, a apta para persoas a tratamento con sintrom e a de sen carne de cocho”, indicou López Racamonde.
O contrato terá unha duración de dous anos, prorrogable por outros tres en periodos anuais – acompasado ao da propia xestión do Centro de Día - tendo un orzamento de 100.473 euros por exercicio o que eleva o seu custo total até os 502.369 euros.
Ademais, a concelleira informou de que, na sesión desta semana, o Executivo de Lara Méndez autorizou, así mesmo, a concesión de subvencións nominativas a un total de 25 entidades locais que traballan no eido dos servizos sociais por un importe conxunto de 300.500 euros.
“Unha partida que resulta tan significativa como a relevancia dos proxectos que se levan a cabo ao amparo destas achegas”, salientou Olga López que quixo destacar, tamén, a valía do traballo realizado polo tecido asociativo da cidade ao que definiu como “o complemento indispensable ás prestacións públicas das diferentes Administracións no que ten que ver coa atención primaria no municipio”, concluíu a edil de Benestar.