Benestar incrementa nun 40% a partida do servizo Xantar no Fogar
O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, destinará en 2022 unha partida de 224.215 euros ao servizo de Xantar no Fogar.
Este orzamento presenta un incremento do 40% con relación á cantidade destinada no ano en vigor, cando xa se consignara o dobre (160.000 euros) do previsto a inicios do mandato (80.000 euros), ante o crecemento da demanda que ocasionou a pandemia.
“O obxectivo, durante o vindeiro exercicio, é poder ampliar a capacidade desta prestación municipal e dar cobertura a todas aquelas persoas que poidan precisala tendo en conta que a chegada da Covid fixo agromar novos tipos de dependencia e o Xantar no Fogar se constitúe como un gran recurso que palía moitas carencias xa non só económicas, senón tamén de coidados e alimentación e, polo tanto, con beneficios directos sobre a saúde da poboación”, sinalou a rexedora.
Así, a alcaldesa, deu conta do aumento exponencial que sufriu o servizo pasando de 72 persoas usuarias en 2019 (e 18.944 menús), aos 121 beneficiarios e beneficiarias que se atenderon co inicio da crise sanitaria (21.939 xantares).
De maneira que o novo prego que rexerá a prestación, aprobado na última Xunta de Goberno celebrada, inclúe xa a elaboración dun mínimo de 41.292 menús anuais.
Pola súa banda, a concelleira Benestar, Olga López Racamonde explicou que “puntuaranse como mellora, as comidas adicionais que se ofrezan e o incremento nun día do reparto (pasando de dúas a tres xornadas de distribución) pero tamén a entrega, a cada persoa usuaria, dun litro de leite e outro de zume de froitas á semana así como a rotación que se faga da carta ou a inclusión na mesma de maior variedade de dietas como a vexetariana, vegana, sen carne de porco ou sen carne de vaca”.
A edil relatou que a empresa encargada de prestar o servizo municipal preparará cada mañá os pratos de todas e todos os comensais, respectando as indicacións sanitarias que recolle o seu historial clínico.
“Manténdose sempre un estrito control sobre a elaboración e a calidade dos ingredientes que deben combinarse dun xeito saudable respectando as pautas médicas que figuran no expediente de cada beneficiario”, explica a responsable de Benestar.
Olga López Racamonde, sinalou, igualmente, que a comida se preparará mediante un proceso de cociñado en frío, para garantir non só a súa conservación senón as propiedades nutricionais dos alimentos ademais da súa trazabilidade.
En canto ao perfil maioritario das e dos usuarios, a concelleira indicou que “en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas e ás que, logo do confinamento obrigado que impuxo o Estado de Alarma, a permanencia do COVID as mantén nun illamento aconsellable ante o risco de contaxio”.
As políticas desenvolvidas polo Goberno tiveron, neste tempo, a vocación de dispensar unha atención integral á veciñanza.
“De maneira que, dende a área de Benestar procuramos cubrir as necesidades asistenciais das e dos nosos maiores, mellorando o seu coidado e calidade de vida pero contribuíndo tamén a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares co fin de que manteñan o seu arraigamento e o contacto coa comunidade veciñal á que pertencen”, subliñou López Racamonde.
No Concello de Lugo hai 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.