Benestar incrementará nun 22,5% a partida do servizo de Xantar no Fogar
O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, incrementará nun 22,5% a partida do servizo de Xantar no Fogar, elevando a súa consignación até os 257.848 euros anuais. O servizo licítase por dous anos máis outros dous prorrogables. En total, o valor estimado do contrato ascende a 1.190.067 euros. Así o avanzou a concelleira quen subliñou que “na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobamos iniciar o procedemento para a contratación desta prestación municipal, que ten por obxecto a dispensa de comidas a domicilio a aquelas persoas que, por diferentes motivos físicos, económicos ou sociais, teñen limitada a súa autonomía”.
O novo contrato presenta unha serie de melloras respecto ao anterior. De feito, valoraranse aspectos como a variedade dos menús e adaptación das dietas ás particularidades das persoas usuarias. Como novidades, contémplase a cesión de neveiras nos domicilios, con ata 10 puntos, e a subministración dun litro de leite e outro de zume de froita semanalmente, con 6 puntos, aspectos encamiñados a mellorar a calidade do servizo. Ademais o novo contrato incrementa o número de menús que se servirán anualmente ata un mínimo de 41.460, polos 41.292 que se licitaron no anterior. Esta cifra podería incrementarse en función das ofertas presentadas polas empresas concursantes, xa que este aspecto puntúase na adxudicación con ata 10 puntos polas 1000 comidas de incremento.
“A suba do prezo da lista da compra é o aspecto clave que nos leva a licitar este novo contrato. O obxectivo é que a calidade do servizo non se vexa afectado polo incremento do prezo da vida. Actualmente, ao redor dun cento de persoas se benefician desta prestación municipal da que, agardamos, poder ampliar aínda máis a súa cobertura co obxectivo de atender os novos tipos de dependencia que ocasionaron as diferentes crises, que fixo agromar carencias non só económicas senón tamén de coidados e alimentación”, apuntou a concelleira.
Olga López informou, así mesmo, de que a empresa concesionaria preparará cada mañá os pratos de todas e todos os comensais, respectando as indicacións sanitarias que recolle o seu historial clínico, manténdose sempre un estrito control sobre a elaboración e a calidade dos ingredientes que deben combinarse dun xeito saudable respectando as pautas médicas que figuran no expediente de cada beneficiario.
“Dende o ano 2020, a raíz da pandemia, vimos incrementando nun 140% o orzamento deste servizo, logo do crecemento da demanda que trouxo consigo a crise sanitaria”, lembrou a edil, quen subliñou que o Concello destinou un total de 210.423 euros a esta prestación na pasada anualidade. A edil explicou que, con relación ao perfil maioritario das e dos usuarios, “en torno ao 60%, son mulleres, maiores de 65 anos, que viven soas”.
“Dende a área de Benestar procuramos cubrir as necesidades asistenciais das e dos nosos maiores, mellorando o seu coidado e calidade de vida pero contribuíndo tamén a que se desenvolvan con autonomía e poidan permanecer nos seus fogares co fin de que manteñan o seu arraigamento e o contacto coa comunidade veciñal á que pertencen”, subliñou López Racamonde.
No Concello de Lugo hai en torno a 5.000 persoas maiores de 65 anos que residen soas nas súas vivendas e sobre as que, dende a área de Benestar, se realiza un seguimento continuado co fin de informalos dos recursos que teñen á súa disposición en función das necesidades que presenten e que inclúe tanto a súa manutención, cunha dieta equilibrada e acorde ao seu estado de saúde, como a axuda para a realización das tarefas domésticas, a dinamización sociocultural específica e mesmo o acompañamento telefónico para evitar a súa exclusión ou illamento social.