Bernardo Valdés, do BNG de Cervantes: "A situación sanitaria é cada vez máis insostible para a veciñanza”

O Bloque Nacionalista Galego convocou unha concentración diante do centro de saúde de San Román, en Cervantes, para denunciar o deterioro da atención sanitaria no municipio e esixir á Xunta de Galiza que cubra de maneira permanente as prazas médicas e restitúa o servizo no consultorio de Doiras.
Durante a concentración, o portavoz do BNG en Cervantes, Bernardo Valdés, cualificou a situación sanitaria como “cada vez máis insostible para a veciñanza” e puxo como exemplo o ocorrido esa mesma mañá: “Hoxe mesmo a única médica que estaba no centro de saúde tivo que saír a facer unha visita a domicilio e o centro quedou completamente sen atención médica parte da mañá”. Valdés lembrou que os desprazamentos na montaña lucense son longos e complexos debido ás características do territorio e ás condicións das estradas.
O portavoz destacou que estas situacións prodúcense con frecuencia pola falta de persoal sanitario. “Cervantes é un concello cunha poboación moi envellecida e moi dispersa, e non se pode permitir que o único centro de saúde quede sen atención porque non hai profesionais suficientes”, afirmou.
Valdés sinalou tamén as dificultades que teñen moitas persoas para acceder á asistencia médica, especialmente nas aldeas afastadas, onde non hai transporte público e dependen do seu propio vehículo, da axuda de familiares ou mesmo de pagar un taxi, deixando a moitas persoas maiores nunha situación de gran vulnerabilidade.
Desde o BNG atribúen esta realidade ás decisións políticas do Partido Popular. “O PP está abandonando a montaña lucense e negándose a garantir algo tan básico como o dereito á atención sanitaria”, denunciou Valdés.
A mobilización prodúcese despois de que o Partido Popular continúe sen cubrir as dúas prazas médicas do centro de saúde de San Román e manteña pechado o consultorio de Doiras. “O que estamos a pedir é algo tan básico como que se cubran as dúas prazas médicas de maneira estable e que se restitúa o servizo sanitario no consultorio de Doiras. A veciñanza de Cervantes ten o mesmo dereito á sanidade pública que calquera outra persoa deste país”, concluiu Bernardo Valdés.