Besteiro anima á xuventude a ser "influencer da democracia" nun encontro en Lugo

LugoXa
Gómez Besteiro, nun encontro en Lugo coa mocidade organizado por Xuventudes Socialistas celebrou os mínimos históricos do paro xuvenil.
foto encontro coas xuventudes socialistas besteiro_formoso lara
10 Xul 2023

O líder socialistas lembrou que máis de 3.100 lucenses estudan hoxe grazas a unha bolsa, teñen un 50% de desconto no transporte público, o seu salario mínimo subiu un 47% e aforran 250€ no alugueiro, ademais de dispoñer dun bono cultural para libros e actos culturais.

“Os socialistas cremos na igualdade de oportunidades, por iso axudamos a 3.130 familias da nosa provincia para que ningún rapaz se vexa obrigado a abandonar os seus estudos por necesidade”, manifestou o número 1 ao Congreso por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro onte nun encontro en Lugo coa mocidade organizado por Xuventudes Socialistas. Besteiro celebrou os mínimos históricos do paro xuvenil en España: “É un indicador de que as políticas públicas activadas por Pedro Sánchez funcionan”.

Besteiro, que estivo acompañado polo secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, e a vicesecretaria do PSdeG-PSOE e alcaldesa da cidade, Lara Méndez, puxo en valor que “hoxe hai moitos mozos de Lugo que collen o transporte público cun desconto do 50%, teñen un traballo con contrato fixo e cun salario como mínimo de 1.080 euros porque nós subímolo un 47%, aforran 250 euros no alugueiro da súa casa, e teñen un bono cultural para mercar libros e asistir a actos culturais”.

Coincidiron en destacar que “Pedro Sánchez é o presidente da mocidade porque por primeira vez un Goberno fai políticas de Estado para facela protagonista e autónoma”. Por iso, Besteiro animou á mocidade “a ser influencer da democracia, hoxe en grave perigo pola ultradereita. O PP e VOX son o mesmo”.

“NON QUEREMOS ALUGAR A NOSA DIGNIDADE”

Pola súa banda, Valentín González Formoso lembrou que foi Pedro Sánchez quen destinou un presuposto récord para bolsas e axudas ao estudo con 2.500 millóns de euros só para este ano. E destacou outras importantes medidas como “a reforma laboral que permitiu a estabilidade entre os mozos e mozas, acabando coa precariedade e a temporalidade”. Os socialistas concluiron que “a xuventude xógase moito o próximo 23X: avance ou retroceso. Por iso o único voto para frear á dereita é o PSOE”.

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Vigo, Xurxo Doval, incidiu, pola súa banda, no decisivo do 23X: “Os xóvenes non queremos alugar a nosa dignidade nin hipotecar a nosa vida”.

O encontro coa mocidade tivo lugar nun pícnic no paseo fluvial á altura das Caldas do Miño, unha obra, como recordou Lara Méndez, que foi posible grazas aos fondos europeos captados por Pedro Sánchez, ao igual que o centro de enogastronomía na antiga Fábrica da Luz, a pasarela sobre a Nacional VI para acceder ao campo de fútbol ou o novo acceso peonil que une a cidade e o río. Todas obras nesa mesma zona.

0.20548987388611