Besteiro anuncia que Altri quedará fóra da planificación eléctrica e sentencia o “terceiro non” á macrocelulosa

O voceiro parlamentario socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou hoxe que o proxecto industrial de Altri quedará excluído da Planificación da Rede Eléctrica 2025-2030, o que, segundo destacou, supón “o terceiro e definitivo non do Goberno á macrocelulosa”. Recordou que a propia Xunta condicionara a viabilidade desta iniciativa ao seu enganche á rede eléctrica, polo que a súa exclusión “impide que poida botar a andar”.
Besteiro subliñou que Altri xa fora descartada en dúas ocasións previas: primeiro ao quedar fóra das axudas do Plan de Descarbonización e despois ao non recibir os 250 millóns extraordinarios solicitados á Unión Europea. Agora, engadiu, a súa exclusión da planificación eléctrica certifica que “non ten futuro en Galicia”.
O dirixente socialista garantiu que o PSdeG será “a garantía de que non se financie con cartos públicos ningún proxecto que comprometa o futuro ambiental e social do país”. Insistiu en que Galicia non pode hipotecar o seu desenvolvemento cunha macrocelulosa “que non encaixa nin na normativa europea nin na planificación enerxética do Estado”.
Besteiro tamén criticou a falta de transparencia coa que naceu Altri, “convertido no proxecto estrela de Alfonso Rueda, pero sen diálogo coa cidadanía e rodeado de incógnitas, ocultismo e falsas promesas sobre a súa actividade central ou o número de empregos que ía xerar”.
REACCIÓN DA PLATAFORMA ULLOA VIVA
A Plataforma Ulloa Viva reaccionou tras coñecer oficialmente a exclusión do proxecto de Altri-Greenalia da planificación eléctrica 2025-2030 e exixe á Xunta de Galicia que “denegue dunha vez por todas” as autorizacións pendentes para a macrocelulosa en Palas de Rei. Segundo Ulloa Viva, a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco), que rexeitou as demandas enerxéticas do proxecto, “imposibilita a execución e funcionamento operativo” da planta.
A Plataforma subliña que a iniciativa “carece de sentido común desde o seu nacemento”, guiada polos beneficios privados dun pequeno grupo e ignorando a realidade socioeconómica do territorio. Destacan a mobilización social maioritaria contra Altri como clave para que as administracións comecen a recoñecer que o proxecto non encaixa nin social nin ambientalmente.
Ulloa Viva advirte que, a pesar desta decisión favorable, continuará vixiando os procesos pendentes, como a concesión de captación de auga en Portodemouros, a Autorización Ambiental Integrada (AAI) e o Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), todos dependentes da Xunta. Reiteran que a macrocelulosa que Xunta e Altri queren impoñer no corazón de Galicia é “sen licenza social, sen electricidade, sen auga e, en definitiva, sen sentido”.
A Plataforma lembra á conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, que “non se pode loitar polo futuro económico e industrial de Lugo de costas ás veciñas e veciños” e anuncia encontros e reunións informativas nos vindeiros meses para garantir que as decisións sobre o proxecto teñan en conta ao territorio e á cidadanía.