Besteiro asegura que coñecía o caso de acoso desde outubro e animou á muller para denunciar

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O rabadense Lago Lage dirixirá a xestora do PSOE na provincia de Lugo, tal e como anunciaron esta tarde tras a celebración da Comisión Executiva nacional en Santiago
lago-lage-presidente-de-la-gestora-psoe-lugo
12 Dec 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou este venres, na súa primeira comparecencia tras coñecerse as acusacións a Tomé por acoso sexual, que tivo coñecemento, no mes de outubro e “a través dunha terceira persoa”, dun suposto caso de acoso. Con todo, asegurou descoñecer se esa información gardaba relación coa denuncia presentada posteriormente a través do canal interno e que se destapou nun canle de televisión.

Segundo explicou, “cando aínda non existía denuncia”, unha persoa solicitou ser escoitada pola dirección e falando en nome dunha terceira relatou unhas presuntas condutas machistas. Ante iso, indicou Besteiro que a súa reacción inmediata foi animar á presunta vítima a presentar unha denuncia formal.

Gómez Besteiro asegurou que tamén pediu explicacións ao “presunto acosador", pero Tomé respondeu negando todos os feitos. Ademais, esta terceira persoa mantivo posteriormente unha reunión coa responsable de Organización, Lara Méndez, e outras dúas coa secretaria de Organización do PSOE na provincia, Pilar García Porto.

“Atendemos a esa persoa en catro ocasións durante as últimas semanas”, insistiu o secretario xeral, quen subliñou que, unha vez confirmada a existencia dunha denuncia no canal interno esta mesma semana, a dirección galega “actuou de maneira inmediata e coa máxima contundencia”.

NOVA XESTORA

Por outra banda, a Comisión Executiva Nacional do PSdeG-PSOE acordou nomear a Luis Ángel Lago Lage director da xestora que dirixirá aos socialistas da provincia durante os próximos tres meses, tras a dimisión de José Tomé Roca como secretario xeral do partido en Lugo e como presidente da Deputación.

Estará acompañado doutras dez persoas, a diputada autonómica Patricia Otero; o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; a voceira no Concello de Lugo, Ana González Abelleira; ademais de Silvia Rodríguez Díaz, Roberto García Pernas, Miguel Ángel Crende, Marina Ramudo, Darío Antonio Piñeiro, Vicente Parras y Ana Ortas.

O rabadense, vinculado á lista de José Ramón Gómez Besteiro, terá por diante unha tarefa complexa: reconducir o rumbo dun PSOE provincial que non atravesa o seu mellor momento.

Por outra banda, a secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, presentou a súa dimisión durante a Executiva Nacional, criticando que a dirección non a consultase antes de emitir o primeiro comunicado sobre as denuncias contra o xa expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

A Comisión de Igualdade reunírase o xoves, con Fraga e a secretaria de Organización, Lara Méndez, para abordar a situación e aprobar un manifesto reclamando máis garantías internas fronte a condutas machistas. Na Executiva deste venres, tras a comparecencia do secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, para explicar a xestión do ocorrido nas últimas horas, Fraga comunicou formalmente a súa renuncia ao cargo de secretaria de Igualdade do PSdeG.

⚙ Configurar cookies
0.079499006271362