Besteiro comprométese en Lugo a acabar coa "Galicia de dúas velocidades que nos deixa o PP”
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, asinou neste final de campaña un compromiso firme superar a partir do día 18 “a Galicia de dúas velocidades que nos deixa o PP”. E para iso destacou que “os socialistas contamos co programa máis ambicioso de cantos se presentan en materia de cohesión territorial, porque queremos un país coa mesmas oportunidades en todo o territorio”.
Besteiro visitou este venres o complexo de glamping Cabanas da Chousa en Lugo, un proxecto que puxo como exemplo das oportunidades económicas que ofrecen o turismo sostible e o patrimonio natural á Galicia interior. Destacou que se trata dunha “aposta emprendedora que representa que a innovación ligada ao territorio e aos seus recursos pode xerar emprego de calidade na Galicia despoboada, atraer á xente moza e fixar poboación no rural”.
Na visita estivo acompañado de representantes da plataforma Galicia Baleira, con quen consensuou diferentes medidas a favor do equilibrio territorial e o reto demográfico. Esta plataforma punteira está formada por 400 asociacións de toda Galicia e constitúe o colectivo número 100 dentro da organización “España Vaciada”, sendo o único grupo galego presente. No encontro, o candidato socialista comprometeuse a aportar máis investimento, máis servizos e máis emprego para “rematar coa Galicia de primeira e de segunda que herdamos do PP”.
Recuperar a Galicia interior
O candidato socialista tamén apuntou ao necesario “impulso para recuperar a Galicia interior e poñer a todo o país a funcionar á mesma velocidade”, da man dunha aposta “pola reindustrialización tamén na provincia de demográfico só se pode afrontar con “reindustrialización, máis empregos e maiores salarios” e con “servizos públicos próximos, a menos de 30 minutos”, potenciando a oferta pública en sanidade, residencias, colexios e vivenda. Entende que “a loita contra o reto demográfico debe ser transversal a toda a política da Xunta” e reiterou que o seu compromiso é con toda Galicia, tamén coa interior”.
Besteiro subliñou que a aposta por frear o despoboamento de Galicia inducido polas nefastas políticas de quince anos de Rueda e Feijoóo, que provocaron a perda de 100.000 habitantes, debe pasar por mellorar os servizos públicos e garantir a calidade de vida, “co fin de que un veciño ou veciña de calquera aldea teña as mesmas oportunidades que quen vive nunha cidade”.
Asegurou que o abandono da sanidade, do transporte ou da educación por parte do Partido Popular “acelerou o baleirado do interior do noso país”, polo que se comprometeu a reverter as situación mantendo abertos os centros educativos, reabrindo os centros de saúde pechados por Rueda e aumentando as prazas en residencias “para que non haxa dous anos de espera como sucede actualmente” . Tamén destacou a aposta por achegar a Administración ás pequenas vilas para que poidan realizarse a maior parte dos trámites sen necesidade de desprazarse e avogou polo mantemento das oficinas bancarias con atención personalizada aos clientes.
Cobertura da Internet en toda a comunidade
O candidato socialista lembrou a importancia das comunicacións como ferramenta de desenvolvemento económico e comprometeuse a xestionar co Goberno central a axilización da extensión da cobertura de internet de alta velocidade ao 100 % do territorio galego. En materia de transporte público o próximo goberno socialista recuperará as frecuencias de bus eliminadas polo PP e redefinirá a estratexia de transporte público por estrada para conectar os diferentes núcleos, facéndoo máis atractivo para a xente nova ao tempo que se facilita o desprazamento das persoas maiores ata lugares de referencia como o centros de saúde.
O candidato socialista chamou á mobilización o próximo domingo para apoiar a un “cambio con seguridade e na dirección axeitada, que poña fin á Galicia de dúas marchas” lembrando que “temos un magnífico equipo de xente preparada, solvente e con experiencia, así como “capacidade de interlocución e influencia para traer a Galicia investimentos, obras, proxectos e ideas para o noso país”