Besteiro defende na Fonsagrada que o produto de proximidade prime nos contratos da Xunta

LugoXa
O secretario xeral do PSdeG destacou que os socialistas conseguiron a unanimidade para que se valore o consumo local para os servizos de comedor e catering de colexios, hospitais e residencias
Besteiro_AFonsagrada_butelo
23 Feb 2025

O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro participou na  28.ª Feira do Butelo, que esta fin de semana se celebra na localidade lucense. Tras o percorrido polos postos instalados na praza do Concello, destacou a importancia “da economía que se move en torno á gastronomía” en eventos que exaltan, en especial, os produtos de proximidade, “o que temos ao lado da nosa casa”.

Sinalou, nese senso, que o Grupo Socialista acadou esta mesma semana o voto unánime das formacións políticas con presenza no Parlamento de Galicia a unha iniciativa que ten como obxectivo primar os produtos locais nas contratacións públicas. O obxectivo é que os produtos de quilómetro cero “estean nos servizos públicos” que presta a Xunta de Galicia.

A iniciativa insta á Xunta a adoptar medidas concretas para garantir que os produtos de proximidade sexan prioritarios na contratación para colexios, hospitais e residencias, xa que a contratación pública representa preto do 20 % do PIB galego e constitúe unha ferramenta clave que podería empregarse para fortalecer a economía local, mellorar a calidade alimentaria e reducir o impacto ambiental. Reverteríase así a falta dunha estratexia clara por parte do Goberno galego nesa materia.

Ao tempo, esa aposta polos produtos de quilómetro cero non só repercutiría na economía a nivel local, senón que tamén se trata dunha cuestión de responsabilidade social e ambiental, con beneficios para os produtores galegos e galegas e para o medio.

DEPUTACIÓN

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do alcalde e deputado de Medio Ambiente, Carlos López, e de deputados e deputadas provinciais, participou este sábado na inauguración da XXVIII Feira do Butelo, á que a institución provincial realiza unha achega económica de máis de 30.000 euros.

José Tomé expresou a súa ledicia ante os centos de persoas reunidas no recinto feiral, destacando que a Feira do Butelo “é un motor económico para a Montaña e un emblema da gastronomía tradicional da provincia”. O presidente subliñou que “o butelo é un dos embutidos máis representativos da tempada de cocido, simbolizando a nosa historia, esforzo e identidade”. Neste sentido, puxo en valor “o labor fundamental dos produtores e das empresas cárnicas que, co seu traballo constante e coidado, garantizan a calidade excepcional deste produto tan noso, que forma parte da nosa cultura gastronómica”.

A Feira do Butelo non só ten un impacto social e cultural, senón tamén un importante impacto económico. “Esta feira é un claro exemplo de como a nosa gastronomía pode ser un piar clave no desenvolvemento económico do rural, porque neste evento reflíctese a forza das pequenas empresas, produtores locais e autónomos, que son a alma deste evento e dunha economía de proximidade que tanto achega á nosa provincia”, apuntou.

 

⚙ Configurar cookies
0.48345398902893