Besteiro defende o acordo a Deputación, mentres o PP segue a falar de "pacto guarro"

Durante toda a xornada de este mércores se fixeron chegar diferentes posicionamentos sobre o acordo entre PSOE e BNG, que permitirá dar continuidade ao Goberno de esquerdas da Deputación provincial, da man da nova presidenta, Carmela López.
O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, que estivo na toma de posesión, acolleu “con satisfacción” a “liña progresista e a visión total da provincia” que Carmela López Moreno trazou na súa toma de posesión como presidenta da Deputación de Lugo. Besteiro valorou un discurso “que enraíza nas políticas socialistas” e salientou a vontade de colaborar activamente coas administracións municipais, mirando “cara todos os concellos”, fronte a un PP que “maltrata a Galicia interior”.
O líder socialista mostrouse convencido de que López Moreno, que xa está desenvolvendo “un gran traballo” como alcaldesa de Burela, será tamén “unha magnífica presidenta da Deputación”. Segundo destacou, as súas chamadas á cooperación e á integración de todas as comarcas trazan un camiño “diferente ao que está marcando o Partido Popular”.
A preguntas dos medios de comunicación, José Ramón Gómez Besteiro referiuse á actitude dos populares respecto das maiorías nas institucións. “Os pactos da vergoña son as mocións de censura que fan por toda Galicia e tamén nesta provincia, onde se ignora totalmente o resultado das eleccións e se pactan cousas inconfesables”, criticou fronte á realidade da Deputación. “Aquí o que hai é unha nova presidenta elixida pola corporación”, dixo.
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou a consumación do “pacto guarro” entre PSOE, BNG e o presunto acosador sexual, José Tomé, "cuxo voto foi necesario para que a socialista Carmela López fose elixida como nova presidenta da Deputación de Lugo, semanas despois da dimisión forzada do seu ex compañeiro de filas, por varias acusacións de acoso sexual de mulleres vinculadas ao socialismo", explicou a popular. “Hoxe só podo dar o pésame á veciñanza de Lugo porque este tripartito PSOE, BNG e Tomé acaba de enterrar a defensa dos intereses dos cidadáns”, sinala a número dous dos populares galegos.
Prado pregúntalle a socialistas e independentistas “con que cara van defender a partir de hoxe ás mulleres” tras formar goberno co voto dun presunto acosador sexual. Do mesmo xeito, apela a Ana Pontón e a Xosé Ramón Gómez Besteiro como “cómplices” deste pacto. “Que manual de feminismo recomenda formar goberno cun presunto acosador sexual?”, pregúntase.
Á nova presidenta da Deputación de Lugo recórdalle que foi elixida grazas ao apoio deste deputado sobre o que pesan denuncias de mulleres e cualifica de “desvergoña” que Carmela López falase de igualdade durante o seu discurso de investidura. “Ten que saber que ela tamén é cómplice deste pacto guarro”, reitera Paula Prado.
Ademais, o PPdeG amosa de novo a súa solidaridade coas vítimas e asegura que os populares si estarán pendentes de calquera atropelo ás mulleres e ao conxunto da veciñanza de Lugo, como o ocorrido hoxe coa sinatura do pacto. “Todo polo poder, todo polos cartos”, puntualiza Paula Prado.

OUTRAS OPINIÓNS
Bumei Galicia (Mulleres en Igualdade) fixo público un comunicado no que expresa a súa "fonda preocupación e o seu rexeitamento" ao novo acordo de goberno acadado na Deputación. A entidade considera que o pacto carece de lexitimidade moral ao sustentarse no voto decisivo do ex presidente José Tomé, así como na actuación de Pilar García Porto, á que acusan de encubrimento político.
Desde a asociación subliñan que non se trata dun debate partidista, senón "dunha cuestión de coherencia democrática e de respecto ás vítimas". Critican que, fronte a acusacións graves, a resposta política fose recompoñer maiorías en lugar de asumir responsabilidades.
Bumei Galicia denuncia tamén que o feminismo se utilice como moeda de cambio, en referencia ao acordo económico anunciado no marco do pacto, "ao considerar que transmite a idea de que a defensa dos dereitos das mulleres é negociable". A organización lamenta que se prioricen cargos e estabilidade institucional por riba da protección efectiva das vítimas.
Finalmente, a entidade reclama responsabilidade, ética e coherencia ás forzas políticas, advertindo de que sen un compromiso real co feminismo non pode haber unha democracia plena nin institucións á altura do que merece a cidadanía de Lugo.
Pola súa banda, un grupo veciñas, principalmente vinculadas ás protestas de Becerreá, tamén se manifestou ao inicio do pleno da Deputación, tal e como veñen facendo ata o de agora, en contra do pacto de PSOE e BNG, que permitiu tamén sacar adiante un regulamento para a nova residencia que consideran inxusto. Nesta ocasión as proclamas foron defendendo o feminismo e contra "o pacto da vergoña", no que incluiron a José Tomé, Ana Pontón, Gómez Besteiro e Carmela López.