Besteiro esixe que Rueda faga público o pacto con Altri e reclame a denegación definitiva do proxecto

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou que o seu grupo esixirá a comparecencia inmediata do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para facer público o contido do memorando asinado entre Altri e a Sociedade Impulsa.
Besteiro lembrou que o propio Rueda recoñeceu coñecer o documento, asinado no seu día polo entón conselleiro Francisco Conde en representación da Xunta dentro da Sociedade Impulsa, posteriormente extinguida. “Se admite que coñece o documento, non hai razón para manter a opacidade”, afirmou.
O líder socialista cuestionou que intereses está a protexer o presidente co seu silencio e advertiu de que arquivar o proxecto da macrocelulosa en Palas de Rei non supón resolvelo. “Arquivar non é denegar, é deixalo no conxelador para gañar tempo”, sinalou.
O PSdeG reclama unha decisión definitiva da Xunta que inclúa un pronunciamento claro sobre a viabilidade económica, social e ambiental da iniciativa, así como sobre o cumprimento do principio de non causar dano significativo ao medio ambiente.
Opacidade e contradicións
Besteiro tamén apuntou ás contradicións no seo do Goberno galego, xa que mentres a actual conselleira de Industria asegurou descoñecer o memorando, o presidente confirmou que si o coñece.
Segundo indicou, tanto a Sociedade Impulsa como outras estruturas creadas posteriormente manexaron fondos públicos, polo que existe unha responsabilidade política de transparencia e rendición de contas.
“Estamos diante dun presidente opaco que recoñece coñecer un pacto e se nega a dar explicacións”, afirmou.
Vía xudicial
O secretario xeral do PSdeG advertiu de que, se o pacto non se fai público, o partido acudirá á vía xudicial para esclarecer o seu contido e as posibles responsabilidades.
“Ou hai transparencia inmediata ou haberá consecuencias. Galicia non pode quedar á mercé de acordos ocultos nin de decisións tomadas a porta pechada”, concluíu.