Besteiro pídelle ao presidente da Xunta “claridade, información e transparencia” sobre o proxecto de Altri
O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, advirte que o “escapismo” do presidente da Xunta co proxecto de Altri está a provocar “medo e temor”. O responsable socialista empregou a primeira sesión de control da Lexislatura para esixirlle ao presidente da Xunta que dea “claridade, información e transparencia” sobre un proxecto que eles mesmos declararon estratéxico.
Besteiro comparou a resposta de Rueda coa percepción dos galegos e de galegas sobre as celulosas: “O único que saben é que botan fume e cheiran mal”. Así o dixo antes de subliñar que os galegos e galegas “temos dereito a demandar a información necesaria que garanta transparencia e certidume”.
Puxo o foco sobre as variacións do proxecto anunciado e defendido polo Goberno galego, que inicialmente ía xerar “4.000 ou 2.500 empregos”, e despois de ser aberto á información pública quedouse en “menos de 500” para unha gran celulosa. Esixe á Xunta que explique se lle vai garantir financiamento público, o impacto medioambiental que vai provocar e as modificacións do mapa forestal de Galicia.
O responsable socialista censurou a estratexia de “conformismo” e “escapismo” do presidente da Xunta para agochar a falla de política industrial e “botarlle a culpa aos demais: balóns fora”, mentres renuncian a exercer as competencias propias do goberno galego en materia industrial. Como exemplo, advertiu que a Xunta ten sen executar o 60 por cento dos fondos asignados a Galicia no Plan de Recuperación do Estado.
Lonxe do obxectivo europeo
Explicou que segundo os datos oficiais, Galicia só executou 630 dos 1.545 millóns de euros asignados a Galicia mentres a Xunta adopta “a renuncia como política industrial”, perdendo un 21,67 % de empregos na industria afastándose do obxectivo europeo dun 20 % de aportación do sector ao PIB galego.
Dixo que, como consecuencia da renuncia á política industrial dos últimos 15 anos de gobernos do PP, esta comunidade autónoma perdía 11.000 firmas empresariais e 72.000 empregos, reducindo a taxa de ocupación nun 5,92 %, a segunda máis baixa do Estado. Resumiu que a falla de política empresarial e industrial do goberno galego provocou a perda do sector financeiro galego, a perda de R no sector das telecomunicacións, Unión Fenosa na enerxía, ou as empresas Fandicosta, Atunlo, Pescanova ou Conservas Albo no sector mar – industria.