Besteiro reclama o Museo da Romanización para celebrar o aniversario da Muralla

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, participou este xoves en Lugo no acto conmemorativo polo 25 aniversario da declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade, e aproveitou a efeméride para reclamar á Xunta “o compromiso real e inmediato” co Museo da Romanización. “O mellor agasallo que Rueda lle pode facer a Lugo neste aniversario é garantir que ese proxecto sexa por fin unha realidade”, afirmou.
Nunha comparecencia diante da Muralla, acompañado polo alcalde da cidade, Miguel Fernández, e pola secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, Besteiro destacou que aquela declaración da UNESCO, no ano 2000, marcou un antes e un despois na historia recente de Lugo. “Foi o primeiro gran fito dun ciclo de 26 anos de gobernos socialistas que transformaron esta cidade. A Muralla non só puxo Lugo no mapa internacional, senón que activou o noso orgullo colectivo, revalorizou o centro histórico e foi motor económico, cultural e de sensibilización polo patrimonio”, subliñou.
Besteiro reivindicou esa etapa como exemplo de que “cando hai vontade política e visión de cidade, as cousas saen adiante”. E fronte a iso, contrapuxo a “falta de implicación” da Xunta, que chega a este aniversario “sen ter feito absolutamente nada do que prometeu co Museo da Romanización”.
“O propio orzamento da Xunta recollía 500.000 euros para redactar o proxecto en 2025. Pero estamos en agosto e seguimos sen saber se existe, se se adxudicou ou se sequera se empezou a traballar nel. O que hai é unha vez máis silencio e abandono”, criticou.
Desde o PSdeG, dixo, reclámase que os orzamentos do vindeiro ano inclúan “unha partida realista e suficiente” para que o Museo da Romanización comece a ser unha realidade. “Lugo leva anos agardando por este proxecto. E agora que temos un aniversario que volve poñer a cidade no foco, a Xunta debería estar á altura. Non hai máis escusas”, advertiu.
Besteiro insistiu en que “non se trata só de cultura, senón de investimento, de emprego, de turismo sostible e de futuro”. E acusou ao Goberno de Rueda de seguir discriminando á provincia. “O Consello de Contas vén de confirmar que Lugo e Ourense volven ser as provincias máis prexudicadas na repartición de fondos europeos. Mentres tanto, no Pazo de Louriñán, en Vedra, o PP mete máis de 15 millóns. Aquí, nada”, denunciou.
“O compromiso do PP con Lugo vese nos feitos, e hoxe por hoxe non hai ningún. Se realmente cren nesta cidade, que o demostren. Lugo merece o Museo da Romanización e merece que este aniversario se celebre con algo máis que promesas".