Besteiro reivindica máis investimentos para superar as desigualdades entre o rural e as cidades

LugoXa
O líder socialista destacou a necesidade de facer da vida no rural unha opción desexable para frear problemas como a emigración, o envellecemento poboacional e o despoboamento
Besteiro-en-Guntín
21 Jan 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, pediu en Guntín un maior apoio económico público para reducir as brechas existentes entre o rural e os espazos urbanos.

Durante a súa visita á SAT Villamayor de Negral, unha granxa leiteira con preto de 400 vacas, destacou a importancia do sector primario como motor do desenvolvemento económico e instou a fomentar a transformación da produción para incrementar o valor engadido e reter a riqueza en Galicia, ante un mercado que penaliza aos gandeiros galegos con prezos máis baixos que noutras comunidades.

“Debemos fortalecer o potencial industrial do sector primario. Ese é o desafío que temos que asumir”, afirmou Gómez Besteiro, sinalando os problemas económicos que afectan ás áreas menos poboadas. Ademais, puxo o foco na urxencia de mellorar as infraestruturas, os servizos básicos e as conexións, co obxectivo de facer o rural máis atractivo e garantir a continuidade das explotacións. “Cómpre traballar para favorecer a remuda xeracional no campo”, engadiu.

O líder socialista destacou a necesidade de facer da vida no rural unha opción desexable para frear problemas como a emigración, o envellecemento poboacional e o despoboamento. Tamén subliñou o impacto de cuestións como a falta de centros de saúde, pediatras, escolas e outros servizos esenciais na perda de habitantes. Ademais, apuntou as dificultades que afrontan moitas explotacións agrarias debido á escasa aposta polas concentracións parcelarias en moitas áreas. “Esta é a realidade de desigualdade que afecta a unha parte de Galicia pola falta de investimentos adecuados”, denunciou.

Besteiro deixou claro que só cunha política específica para o medio rural se poderán superar estas diferenzas, e reclamou á Xunta que incremente os recursos públicos destinados a este fin.

CICLO 'DIÁLOGOS CON RAÍZ'

Na súa visita á granxa, estivo acompañado por membros da SAT, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a deputada autonómica Lara Méndez.

Aproveitou a ocasión para anunciar que a próxima sesión do ciclo 'Diálogos con Raíz' terá como tema central o sector primario no interior de Galicia. Este encontro celebrarase este sábado en Lugo e contará coa participación de expertos do ámbito académico, empresarial, sindical e cooperativo.

Entre os relatores confirmados figuran Daniel Ferreiro, presidente do Consello Sectorial de Leite e Productos Lácteos de Cooperativas Agroalimentarias de España; Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias; Rosa Romero, directora da Politécnica de Lugo; María del Carmen Gayoso, presidenta de LugoMadera; Jesús García, director de operacións do Grupo Lence; Alejandro Calvo, conselleiro de Ordenación do Territorio de Asturias; e Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín e secretario de Medio Rural do PSdeG.

0.17091703414917