BNG pide ao Goberno acurtar os prazos para a reparación da A-6

LugoXa | TerraChaXa
Néstor Rego recrimina a decisión de Transportes para incorporar unha partida suficiente de investimentos para reducir os prazos de execución
O deputado do BNG Néstor Rego
17 Jan 2025

Após coñecer a intención da Dirección Xeral de Estradas de estender os prazos de execución para a rehabilitación da A-6 ao seu paso por Lugo, o deputado do BNG no Congreso vén de rexistrar iniciativas para exixir a rectificación desta decisión. Néstor Rego demanda ao Ministerio de Transportes reducir o prazo de execución previsto para a reparación integral do firme dotando de investimento suficiente esta actuación para que as obras se poidan acometer con máis axilidade e reducir os prazos de execución.

A pesar de que a A-6 ao seu paso por Lugo é unha infraestrutura estratéxica para a mobilidade diaria na Galiza, a Dirección Xeral de Estradas acepta un novo plan de obra sen cuestionar o prazo de 42 meses. “Entendemos que a reparación desta estrada é urxente e as actuacións que se deben de levar a cabo nela obedecen ao mal estado de conservación da autovía que mesmo é obxecto de denuncias dos usuarios e usuarias desde hai anos” sinala o deputado do BNG no Congreso.

“O prazo marcado pola Dirección Xeral é, a todas luces, excesivo e mesmo suporá manter cortado -ou verse afectado- o tráfico na estrada durante tres ano e medio” denuncia Rego. De se licitar as obras a comezos deste 2025, exemplifica o deputado nacionalista a través da planificación anunciada polo Ministerio, as actuacións de maior investimento ou calado non se poderían iniciar até 2028 e non rematarían até 2029.

“Durante todo ese tempo, as persoas usuarias, tanto vehículos particulares como transporte lixeiro e pesado, terán que convivir cunha autovía en obras, o que dificultará a circulación e desviará o tráfico a outras vías convencionais co incremento de risco de accidentes e atropelos” recrimina Néstor Rego.

Para a organización nacionalista, a reparación integral do firme da autovía A-6 é “unha actuación imprescindíbel, moi necesaria”, polo que non pode aceptar a extensión do prazo proposto pola Dirección Xeral de Estradas. “Debe ser unha prioridade para este Goberno, atendendo ao pésimo estado do firme e á importancia como unha das principais vías de comunicación dentro da Galiza e coa meseta, especialmente para a circulación de vehículos e mercadorías” reivindica.

O pésimo estado da calzada da A-6 en diversos tramos, como entre os quilómetros 480 e 540 en Lugo, e as dificultades e riscos que implica para o tráfico “é razón de peso suficiente como para que o Ministerio rectifique esta decisión e mesmo declarar obra de emerxencia esta actuación de rehabilitación”.

0.17158102989197