Bo ritmo nas obras de desdobramento de Infanta Elena, en Lugo
O desdobramento da avenida Infanta Elena, avanza a bo ritmo. Así o destacaron hoxe o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, achegáronse hoxe ata esta zona onde esta semana se desenvolven os traballos de aglomerado do firme.
Durante a visita, José Tomé destacou que o bo ritmo ao que avanzan os traballos, nos que a institución provincial inviste máis un millón de euros, fai prever que a execución do proxecto estará rematada no mes de xuño. Así, explicou que, tras acometerse as obras de fábrica, nesta semana completarase a capa de afirmado se as condicións meteorolóxicas o permiten, o que permitirá abrir a vía ao tráfico rodado, para logo proceder á dotación de sinalización horizontal e vertical e á plantación do arboredo, co que quedarán concluídas as actuacións.
“Hoxe por hoxe vemos moi próximo o fin destas obras, unha gran noticia para o Concello e para a Deputación porque este proxecto beneficia aos veciños e veciñas da cidade, pero tamén de toda a provincia, sobre todo ós que veñen da parte norte”, destacou o mandatario provincial.
Grazas a este proxecto promovido polo Concello de Lugo e financiado integramente pola Deputación de Lugo, o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido, o que mellorará a seguridade e comodidade de condutores e peóns, así como a fluidez do tráfico.
O Presidente da Deputación e Alcaldesa de Lugo estiveron acompañados pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polo Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández Méndez.
Así mesmo, que o treito que está a día de hoxe en obras é a primeira fase dunha actuación que se completará cunha segunda fase para chegar ata a rotonda do Ceao.