Boas sensacións para o Breogán no inicio da pretempada na ACB
Por Adrián Fernández.
Xa empezou a pretempada para o Breogán e de momento as sensacións foron positivas; dous bos resultados contra Bilbao e Obradoiro e de momento as lesións están a respectar ao persoal, algo pouco común por Lugo, a única pega, a baixa de Sakho por estar convocado pola súa selección para disputar o AfroBasket.
Por fin chegaba o primeiro partido para poder ver de novo ao Breogán, en Xixón contra Bilbao Basket, e aínda que non se puideron sacar conclusións reais xa que Bilbao chegaba con medio persoal de baixa, puidemos ver escintileos do que nos espera este ano; ao final vitoria fácil por 57-88.
O segundo partido contra Obradoiro na Copa Galicia xa era un encontro máis serio, e a pesar de que aínda é pretempada, debido á intensidade que sempre hai nos derbis contra os de Santiago, foi unha boa proba para ver o nivel do equipo e a adaptación dos novos xogadores. Ao final, 76-82 para o Breogán, que consegue a súa 13° Copa Galicia deixando bo sabor de boca.
Cun xogo baseado no talento individual de Musa e Bell- Haynes e o tiro exterior de Kalinoski en ataque, e a intensidade física do resto do equipo liderados polos irmáns Quintela, parece que este ano si se traballou ben para formar un persoal competitivo cun estilo definido que transmite certa ilusión á afección, que a pesar de que se vai empezar a tempada, outro ano máis, con aforo reducido, renovaron a maioría dos abonados do ano pasado.
Só queda saber que vai pasar con Arteaga, o ex de Estudiantes está en Lugo para adestrar e substituír a Sakho mentres está coa súa selección; participou bastante e con moi bo rendemento nos dous amigables e estivo tamén o 4 de setembro en Vigo contra Valencia Basket e o 7 irá a Foz, contra Oviedo, e do 10 ao 12 no torneo EncestaRias con Obradoiro, Joventut e Unicaja.
Por último, o anuncio da retirada do baloncesto do capitán Salva Arco, pero non da súa despedida pois seguirá ligado ao club como responsable da área social do mesmo.
Xa queda menos para o debut ligueiro o 18 de setembro no Pazo ante Iberostar Tenerife e como xa dixemos todo marcha ben de momento, hai que ser prudente e non nos podemos esquecer de que somos os recentemente ascendidos e a tempada é moi longa, pero as sensacións son positivas e vívese con certa ilusión de fronte ao futuro.